EMPREGO

A Axencia Local de Colocación pon a disposición dos empresarios a información relativa aos incentivos á contratación

05/09/2012 A Cámara de Comercio de Santiago acolleu a presentación da campaña de difusión sobre incentivos á contratación para empresas, aprobados pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que desenvolverá o Concello de Santiago a través da Axencia Local de Colocación, dependente da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego.

Esta campaña servirá para informar ás empresas do ámbito local, que incorporaron persoal nestes últimos meses, das axudas e incentivos das que se poden beneficiar. Neste sentido, Paula Prado agradeceu a colaboración da Cámara de Comercio de Santiago como unha "pata máis da Axencia Local de Colocación". Destacou o papel do Concello como informador desta iniciativa. "O Concello, a través da Axencia Local de Colocación, informará destes incentivos aos empresarios de Santiago para que poidan acceder sen ningún problema a estas axudas", salientou. A campaña de difusión dirixida polo Concello compostelán consta de 24.000 dípticos informativos e contou cun mailing de máis de 6.000 empresas da cidade.

Estas axudas permiten o financiamento de contratos, tanto indefinidos como temporais, para empresas que teñan contratado traballadores nos últimos meses e cumpran cos requisitos marcados pola norma. As axudas tamén facilitan a apertura de novas vías de colocación para as novas modalidades de formación e inserción de profesionais a través de prácticas non laborais en empresas. Esta convocatoria foi publicada no DOG o 14 de agosto e estará aberta para a inscrición de solicitudes ata o 30 de setembro.

Segundo a directora Xeral de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia, Amparo González, esta iniciativa serve de apoio aos empresarios galegos para facilitar a inserción laboral dos traballadores e a súa vez activar a economía. Ademais, apuntou que estas axudas foron consensuadas no diálogo social e divididas en diversos programas. Amparo González explicou que existen programas como o Forcon e o Emporfor destinados á formación, emprego e orientación laboral para colectivos de mozos e mozas con baixa cualificación en situación de desemprego, persoas que esgotaron a súa prestación, para os traballadores de máis de 45 anos e os parados de longa duración. "Esta convocatoria pretende fomentar contratos de calidade, indefinidos e indefinidos a tempo parcial", puntualizou.

Outros programas aos que fixo referencia a directora xeral foi o Estabiliza, centrado en transformar os contratos temporais en indefinidos; o Concilia, destinado a facilitar a conciliación laboral; e o programa Inserta, para incentivar a contratación temporal. González destacou unha liña de acción moi importante para a Consellería de Traballo e Benestar, o programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e no mercado ordinario de traballo, para o que a Administración destinou 1,4 millóns de euros.

Estas axudas ao colectivo con discapacidade destínanse, por un lado, á contratación indefinida e temporal de doce meses e, por outro, aos proxectos de emprego con apoio grazas a unha partida de 200.000 euros para a contratación de 80 preparadores laborais para o posto de traballo da persoa con discapacidade, co obxecto de fomentar a contratación deste colectivo.

Tamén participou na rolda de prensa o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, quen valorou positivamente a celebración deste acto na entidade cameral, "sempre preocupada polos temas de promoción do emprego para o empresariado da cidade".

Compartir: