FESTAS

"Loca" e "Amor Amargo": teatro e flamenco na súa máxima pureza nas Festas do Apóstolo

27/07/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, presentou a estrea da obra de teatro Loca, da Compañía de Blanca Marsillach, e do espectáculo de danza Amor Amargo, de Rafael Amargo. Ambos espectáculos forman parte das Festas do Apóstolo 2011.

Loca, de Varela Producciones e a Compañía de Blanca Marsillach, represéntase no Teatro Principal o mércores 27 e o xoves 28, a partir das 21:00 horas. A obra, da que é autora Elise Varela, está dirixida por Ángel Ojea e protagonizada por Paloma Mozo.

Ángel Currás recordou o que o apelido Marsillach representa no mundo do teatro e do cine e do cine e mesmo a relación de Adolfo Marsillach con Santiago, onde representara Quien teme a Virginia Wolf. Sobre Loca, expresou o seu convencemento de que vai a ser un "éxito".

Pola súa parte, Blanca Marsillach agradeceu ao Concello o seu esforzo por "recuperar o Teatro Principal como referente" e para "acoller todo tipo de representacións". A propósito da obra, e do nome da protagonista, Blanca, apuntou que "non é casualidade", xa que Loca ten referencias autobiográficas.

Tamén en relación á representación, o seu director, Ángel Ojea, explicou que é "un monólogo sobre unha muller que, tras unha crise de identidade, volver a recordar quen era". Situou a obra "entre o drama e a comedia".

Máxima expresión do flamenco contemporáneo
Amor Amargo é o último recital flamenco de Rafael Amargo, que reúne os aspectos máis puristas desta arte xunto a un concepto contemporáneo que sempre está presente nas coreografías do bailador. É flamenco puro, en esencia, despoxado de todo aditamento escénico, música e baile ao servizo da máxima expresión desta arte. Estará na praza da Quintana o venres 29, a partir das 22:30 horas.

É a segunda vez que Rafael Amargo actúa en Galicia e a primeira que o fai en Santiago. Neste sentido, indicou que "a danza ten expresións marabillosas en España que a Galicia chegaron pouco". Para el é "un reto" actuar ao aire libre e na praza da Quintana, máis acostumado a espazos pechados.

O espectáculo que chega a Santiago é toda unha estrea, tras estar xirando coa súa obra Solo y Amargo, na que só el estaba sobre o escenario. Agora recupera a catro das súas bailarinas para esta representación. De feito, afirmou que este Amor Amargo será posiblemente o xerme do seu seguinte espectáculo.

"Falar de Rafael Amargo –dixo o concelleiro de Cultura- é falar da maior expresión do flamenco contemporáneo. Currás lembrou as raíces e influencias lorquianas do artista e comentoulle a Rafael Amargo que, precisamente, un dos seis poemas en galegos de Federico García Lorca levaba o título de "Danza da lúa en Santiago".

Compartir: