ALCALDÍA

Campo de fútbol con herba artificial de última tecnoloxía para Villestro

06/04/2010 Co obxecto de responder ás necesidades da parroquia de Villestro, onde se vén desenvolvendo unha intensa actividade futbolística dende hai anos, o Concello vai construír alí un novo campo de herba artificial que substituirá ao actual de area. O proxecto está incluído no Fondo Estatal para a Sostibilidade Local e conta cun orzamento de 800.000 euros. As obras iniciaranse en maio e estarán rematadas en decembro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou as liñas básicas do novo campo de herba artificial, situado na mesma parcela pero con distinta orientación, e que quedará a carón da área deportiva prevista no SUNP-25. Polas súas dimensións, permitirá albergar competicións de fútbol e de fútbol-7. A previsión era que tivera unhas medidas de 63 x 100 metros, se ben se vai intentar atender a solicitude dos veciños de alcanzar os 105 metros de longo.

En canto ás principais características deste campo de herba artificial, o arquitecto Alfredo Varela apuntou que contará con catro vestiarios –dous a cada lado- e cunha zona central para cantina e aseos. A grada, cuberta, terá unha capacidade para 150 persoas. As bancadas, en madeira, estarán dispostas de xeito que se evitará o empozamento da grada e facilitará a súa limpeza.

A carón do campo habilitarase unha área de aparcadoiro para autobuses e vehículos, que se unirá a outra existente a poucos metros no marco do SUNP-25. O campo estará perfectamente iluminado con catro torretas de luces e, para o mantemento da herba, instalaranse seis canóns de rego.

Unha das principais características do campo é que estará dotado coa última tecnoloxía en herba artificial. Segundo explicou Alfredo Varela, a subcapa asfáltica que normalmente se coloca baixo a herba artificial será substituída nesta ocasión por unha subcapa construída a base de pneumáticos reciclados. Isto deixará unha superficie "menos dura, máis cómoda e elástica", sinalou, apuntando tamén que, pola contra, se desgasta con maior facilidade. Tamén asegurou o arquitecto que o sistema de drenaxe eliminará a posibilidade de empozamento en caso de choiva.

Compartir: