Xan
Xan Duro Fernández
Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, con competencias nas materias de mobilidade, incluídos os servizos de guindastre e ORA e no relativo á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, S.A. (TUSSA); Policía Local; Protección Civil; Servizo de Extinción de Incendios e Emerxencias; mercados; e coordinación da actividade e funcionamento dos centros socioculturais e a súa dirección, inspección e impulso. Tamén se lle delegan as seguintes competencias: sancionadora de infraccións cometidas en materia de tráfico e seguridade viaria na vías urbanas do Concello; sancionadora das infraccións cometidas en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas previstas na lexislación de seguridade cidadá; sancionadora das infraccións cometidas en materia de prevención de consumo de bebidas alcohólicas previstas na correspondente lexislación; o outorgamento das autorizacións e licenzas previstas no Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de armas e a competencia sancionadora das infraccións relacionadas coa aplicación da citada norma: e a concesión de licenza para a posta en funcionamento de instalacións eventuais, portátiles ou desmontables e, en xeral, para as pequenas diversións que se dean ao público.
Naceu na Coruña en 1966, e é pai de dous fillos. É Diplomado en Biblioteconomía e Documentación, e traballa na Universidade de Santiago. Ten unha longa traxectoria vinculada ao movemento ecoloxista: foi presidente de ADEGA; coordenador xeral de Verdegaia, organización da que segue formando parte; e membro de Ecoloxistas en Acción. Foi concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia en Santiago no periodo 2015-2019.

Centros Socioculturais
Santiago de Compostela conta con máis de 40 centros socioculturais distribuídos entre os diversos barrios que conforman o municipio. O gran número de centros e a súa distribución territorial responden a un interese pola deslocalización que permite que se dea unha maior multiplicidade da oferta cultural do concello e que estas iniciativas cheguen ao tempo a un maior número de persoas sen que requira o desprazamento fóra do seu ámbito espacial cotiá.

Os Centros Socioculturais constitúen o complemento perfecto para a programación de gran formato que ten lugar noutras áreas e permite que a oferta formativa, cultural e de lecer do Concello se achegue ao cidadán.

Ademais de contar cunha programación estable de exposicións, conferencias, ciclos formativos e audiovisuais, cursos, etc, a Rede de Centros Socioculturais de Compostela compleméntase coa Rede de Bibliotecas Municipais.
Mobilidade
Dende o Concello prímanse os movementos das persoas, buscando a ampliación do espazo peonil e reducindo a presión do vehículo privado. Apóstase por un concello inclusivo e igualitario pensado para persoas de todas as idades, contemplando todos os medios de transporte, públicos e privados e a súa intermodalidade, unindo os diferentes medios de curto e longo percorrido.

Este Departamento realiza estudios co fin de definir criterios de equilibrio entre o tráfico rodado e o peonil en coordinación con outros departamentos municipais. A este Departamento corresponde a elaboración do Plan de Mobilidade.

Encárgase do control, xestión e resolución de materias relacionadas co transporte colectivo urbano e interurbano dentro do termo municipal. Ocúpase da relación coa empresa municipal Tussa, creada para executar as políticas de transporte público urbano en Santiago de Compostela.

Ten as facultades de supervisar e controlar as ordes e instrucións que deben cumprir as empresas concesionarias dependentes da área atendendo á lexislación xeral e ao contido establecido nos pregos de condicións.
Seguridade Cidadá
A Policía Local, o corpo de Bombeiros e o equipo de Protección Civil son parte dos servizos municipais destinados a salvagardar a seguridade dos composteláns e das compostelás. O Goberno municipal procura a creación de políticas transversais que enfronten as causas da inseguridade a través da acción converxente deses tres equipos de seguridade.

Para conseguir este obxectivo fundamental, centrado en ofrecer unha maior seguridade e benestar e tamén en aproximar as forzas de seguridade locais á cidadanía, o Goberno baséase nos principios de prevención, proximidade co sociedade, participación cidadá, coordinación, calidade no servizo e solidariedade para afrontar as causas sociais que xeran a inseguridade da cidadanía.

A Concellaría encárgase de establecer as directrices xerais de circulación e transporte e de ordenar e regular o uso e utilización normal das vías públicas para a optimización do paso de vehículos e peóns.

Tamén dita normas reguladoras de circulación, sinalización e estacionamento de transporte de viaxeiros e mercadorías e concede as autorizacións para a ocupación temporal da vía pública e de entrada de vehículos ás zonas de acceso restrinxido como o Casco Vello.

Este Departamento ten igualmente como función a inspección do funcionamento dos servizos xestionados polas empresas concesionarias para garantir o cumprimento dos contratos e o óptimo funcionamento da prestación. Tal é o caso dos servizos de Grúa e ORA.


Compartir: