Aquí pode consultar diariamente as previsións informativas da Corporación Municipal (comparecencias, roldas de prensa...)

Previsións informativas para o martes 11 de decembro

10.00 h.
O voceiro do grupo municipal popular, Gerardo Conde Roa, recibe aos representantes do Comité Antisida Cidadán Galego, nas oficinas do grupo sitas na planta baixa do Pazo de Raxoi.

11.30 h.
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visita as piscinas do Multiusos Fontes do Sar, que volven abrir tralas obras de remodelación. Estas consistiron na reforma da zona dos vestiarios de inverno e na mellora do saneamento e do túnel de acceso ao globo presostático coas convintes instalacións de alumeado, electricidade e climatización.
NOTA: haberá un vehículo a disposición dos medios de comunicación que sairá ás 11.10 h. da Praza do Obradoiro.

12.30 h.
Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Cultura, Néstor Rego; do director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, Luis Bará e de María Reimóndez, presidenta de Implicad@s no Desenvolvemento, para presentar a III Edición do Implícate, noite de música e palabra solidaria, que se celebra o domingo no Teatro Principal. Na rolda estará tamén a presentadora do evento, Yolanda Castaño.

12.50 h.
Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Cultura, Néstor Rego; do director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba Otero, e de Xoán Antón Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Intitucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para presentar o concerto que se celebra o mércores no Auditorio de Galicia e que está enmarcado dentro dun programa organizado pola Orquestra e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

20.00 h.
No Colexio de Fonseca, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asiste á inauguración da exposición Compostela, un ano de voz 2007, organizada por La Voz de Galicia. Tamén asiste o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

20.30 h.
Na sede do Real Aeroclub, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asiste aos actos que se celebran con motivo da festividade da Virxe de Loreto, patrona da Aviación.

Compartir: