FESTAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Concello convida a cidadanía a participar na I Carreira de Orientación e na Festa de Poesía para conmemorar o Banquete de Conxo

02/05/2024 A Festa do Banquete de Conxo, que terá lugar o 24, 25 e 26 de maio, acollerá por primeira vez a Carreira de Orientación, unha proba non competitiva dirixida a persoas de todas as idades e niveis que se desenvolverá polo bosque do Banquete. O Concello lanza tamén unha nova edición da Festa da Poesía que reunirá no escenario grupos musicais e poetas da escena local e será conducido pola actriz, dramaturga e autora Lorena Conde. A concelleira de Festas e Deportes, Pilar Lueiro, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, deron conta esta mañá destas dúas novidades do programa.

O barrio de Conxo acollerá os vindeiros 24, 25 e 26 de maio unha nova edición da Festa do Banquete cunha amplo programa de actividades dirixidas á toda a veciñanza. Os concelleiros Pilar Lueiro e Xan Duro presentaron esta mañá en rolda de prensa estas dúas novas propostas para todos os públicos que terán lugar o sábado 25 de maio.

A concelleira Pilar Lueiro anunciou que este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes, que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre.

A edila explicou que se trata dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, na que se dará "a posibilidade de realizar a proba de xeito individual ou grupal, favorecendo a participación de familias" e que "transcorrerá polos terreos do propio bosque do Banquete".

Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante, a partir do vindeiro luns 6 de maio na páxina web xestanatureza.com.

"Queremos con esta actividade amosar o bosque doutro xeito, dalo a coñecer e achegalo máis aos cidadáns que ao mellor aínda non tiveron a ocasión de descubrilo a fondo e por suposto favorecendo unha actividade saudable para todos os públicos", engadir Pilar Lueiro.

Festa da Poesía

O concelleiro de Centros Socioculturais foi o encargado de presentar a Festa da Poesía, organizada desde ese departamento, e que se celebrará o sábado 25, a partir das 21 horas. Xan Duro explicou que "este evento recupera a esencia do Banquete de Conxo de 1856, que foi un encontro revolucionario tamén da man da poesía, dos brindes que pronunciaron Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane que foron uns textos subversivos, de reivindicación da democracia e da igualdade, e cos que se mostraba o poder da palabra como arma social".

Recuperando ese espírito, na Festa da Poesía vanse xuntar música e poesía, "cunha aposta por artistas moi novos e novas, que nos traerán propostas que non van deixar indiferente a ninguén". O evento estará conducido pola actriz, dramaturga e poeta Lorena Conde.

No apartado poético, están previstas dúas actuacións: a da compostelá Sara Porto Puente, premiada o ano pasado no certame Xuventude Crea; e a da viguesa Branca Trigo, que tén xa no seu haber diferentes premios e tén participado en varias publicacións colectivas.

En canto á música, polo escenario pasarán Filloas, que é un dos grupos do Centro Xove da Almáciga, C. Mirazo, un dos pioneiros do trap en Galicia e en galego; e Ash Diz, artista de Ourense que explora a fusión entre a música tradicional e urbana, que ten colaborado con artistas como Berto, Fillas de Casandra, ou Sheila Patricia, e que opta nesta edición a un dos premios Martín Codax da Música, na categoría de Música Urbana.

O concelleiro de CSC aproveitou a rolda de prensa para facer un novo chamamento á veciñanza para participar no desfile teatralizado "Alá van estudantes e artesáns", que percorrerá as rúas de Compostela no día grande da Festa do Banquete, no domingo 26 de maio, guiado polos Quinquilláns. O prazo para anotarse ainda está aberto, e toda a información está dispoñible na rede de Centros Socioculturais.

Como participar?

Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.

Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.

O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete.

Para a confección da vestimenta, os CSC de Santiago ofrecerán obradoiros de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista. Ademais os Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos.

O CSC de Conxo tamén acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos dirixido a todas as persoas interesadas. Esta formación terá lugar o vindeiro 24 de maio ás 18:30 na praza Aurelio Aguirre.

Direccións relacionadas



Compartir: