FESTAS

FESTA DO BANQUETE DE CONXO 2024

09/04/2024 A V Festa do Banquete de Conxo celebrarase este ano o venres 24, sábado 25 e domingo 26 de maio na carballeira do Banquete de Conxo e na praza Aurelio Aguirre. Consulta nesta páxina toda a información.

O domingo 26 de maio a partir das 11:00 h arrancará desde a praza do Toural o desfile teatral "Alá van estudantes e artesás" que percorrerá as rúas compostelás ata chegar a Conxo. Está dirixido Os Quinquilláns e tamén participan as Brigadas Teatrais de Catoira, As Superactivas do CSC de Santa Marta, Teatro do Muíño (Laraño), Teatro do Solpor (Vite), Clube Mozo e veciñanza activa do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, Teatro Mediogüevo, Asociación Aspas, Mercedes Espiño, Música de rúa Os farrapos, Coro A oliveira, Grupo de teatro da Casa da Muller do Couto. O acompañamento musical farao Luís "O Caruncho".

Ás 12:45 h será o pregón da Festa do Banquete a cargo de María Luísa López Otero, autora da tese "Santa María de Marrozos no século XVI: labradores e arrendatarios" na praza de Conxo. Ao remate, sobre as 13:00 horas, continuará o desfile teatral "Baixamos ao bosque do Banquete" ata a Carballeira de Conxo para facer a recreación teatral do Banquete de 1856 desde as 14:15 horas. A alcaldesa tamén animou a todas as persoas participantes a facer uso do Fotocol que estará situado no Mosaico de Conxo entre as 14 e as 19 horas.

A partir das 15:00 h dará comezo o xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños na propia carballeira de Conxo, para dar paso ao Serán da Fraternidade, con foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos. A compañía Paporrubio tamén ofrecerá o espectáculo "Transhumancia Sonora" da compañía Paporrubio que levará ao bosque do Banquete os seus animais cabezudos, acompañados de música e xogos.

Para rematar o evento, arredor das 19:30h haberá unha despedida da Festa do Banquete 2024 con discursos de Os Quinquilláns e pregón de peche a cargo da cineasta Jaione Camborda.

5º Mercado do Libro

O quinta edición deste popular mercado terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre e contará coa participación de 16 postos de libreiros, editoriais e mesmo ilustradoras vinculadas ao libro.

O mercado contará este ano tamén cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, cerámica e cestería.

O Mercado tamén ofrecera unha serie de actividades en paralelo na tarde do sábado 25: unha mesa redonda sobre "Libros, mente e saúde", a actuación da compañía N+1 de circo, teatro e danza para o público infantil ou a Festa da Poesía a partir das 21 horas que reunirá no escenario grupos musicais e poetas da escena local e será conducido pola actriz, dramaturga e autora Lorena Conde. O domingo 26 celebrarase unha gran chocolatada na praza Aurelia Aguirre e un concerto do Sonoro Maxín que servirá de peche do Mercado do Libro.

Deporte e natureza

Este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre e percorrido polo bosque do Banquete. Trátase dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, e nas modalidades individual ou grupal para fomentar a participación de familias. Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante, a partir do vindeiro luns 6 de maio na páxina web xestanatureza.com.

Ademais o programa ofrecerá unha serie de propostas pensadas para gozar tamén do contorna como unha Scape Room que tén como obxectivo coñecer mellor tanto o propio espazo como a súa historia, así como un taller de observación de aves, outro de "baños de bosque" e unha ruta que inclúe unha visita e exhibición do funcionamento do muíño de Mourullo, en Sar.

I Certame fotográfico

Este ano, o Concello lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 ata o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.

Tren do Banquete de Conxo

O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán gozar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.

Outras novidades

A quinta edición da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización están a traballar varios departamentos do Concello de Santiago en colaboración coa veciñanza, contará este ano como novidade coa participación de Marrozos, tras a incorporación o pasado ano do barrio de Sar e da parroquia de Villestro.

Como participar?

Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.

Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.

O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete.

Para a confección da vestimenta, os CSC de Santiago ofrecerán obradoiros de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista. Ademais os Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos acollerán varias sesións informativas sobre a vestimenta e os obradoiros nas vindeiras semanas.

O CSC de Conxo tamén acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos dirixido a todas as persoas interesadas. Esta formación terá lugar o vindeiro 24 de maio ás 18:30 na praza Aurelio Aguirre.

Compartir: