CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Vive o verán!" programa 20 actividades de tempo libre diferentes nos CSC

11/06/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais e Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou Vive o verán! 2013, un programa que pretende achegar ás familias de Compostela unha oferta de lecer sociocultural adaptada ao tempo do verán, en clave de actividades de tempo libre, gozando dos espazos naturais, rurais e urbanos de Compostela. Este ano o proxecto abrangue 20 actividades diferentes do 1 de xuño ao 28 de setembro, nas que se agradan uns 4.000 participantes.

O programa deste ano abrangue un total de 20 actividades diferentes ata o sábado 28 de setembro. Unha das notas características das mesmas é a diversidade, combinando actividades con boa acollida ao longo do ano con outros novos contados.

Repiten convocatoria accións como as saídas ao parque acuático de Cerceda, as actividades de movemento no parque, os roteiros, a observación do ceo, os xogos tradicionais e o obradoiro infantil en colaboración coa Fundación Autor, este ano dedicado ao mundo dos contos e das fabulas. Tamén se volve a apostar polo exercicio físico e a educación viaria con "Pedalea Compostela", nesta edición cunha ruta polos arredores do Monte do Gozo.

Entre as novidades, o concelleiro salientou algunha como a de pesca sen morte na Granxa do Xesto. Esta xornada para a aproximación dos máis novos ao mundo das artes da pesca, estará conducida por expertos da Sociedade de Caza e Pesca La Venatoria.

Cun destino familiar, propóñense seis obradoiros de Medrar en familia, enriquecedora experiencia de traballo dirixida a familias con bebés de 6 a 36 meses, e dúas representacións de teatro para bebés, co título de Chove, a cargo de Fanfarria de Sonos. Con esta acción a través da plástica, o son e o xogo estimularase a comunicación, a creatividade e a sensibilidade dos bebés, e ofreceranse ideas creativas para os pais e nais.

Ademais, incorpórase ás actividades de movemento no parque de Bonaval o Baile Funky, para achegar a aprendizaxe dos ritmos actuais a todos os públicos. E para os afeccionados ao Scalextric, cita con tres exhibicións (seis sesións) programadas nos centros do Castiñeiriño, O Ensanche e Santa Marta.

Tras recordar que no programa tamén se inclúen accións habituais do curso sociocultural coma os bailes, as excursións ou as rutas didácticas, Francisco Noya agradeceu a colaboración no programa doutros axentes na organización e execución dalgunhas actividades, como é o caso de Fundación de Autor, a Editorial Galaxia, o Club Vega de Astronomía, a AV Nova Xeira de Figueiras, a Asociación Compostelá de Xogos Tradicionais ou a Sociedade de Caza e Pesca La Venatoria.

As actividades, en canto á participación nas mesmas agrúpanse en tres tipos. Por un lado, están as actividades abertas e de balde, na que os interesados simplemente se teñen que achegar ao lugar destas. Hai outras actividades de balde, pero con preinscrición, pola súa limitación de prazas. Finalmente, están as actividades con preinscricion e pagamento, como poden ser os campamentos de verán, as saídas ao parque acuático de Cerceda, as excursións e as rutas didácticas. No programa de man indícanse os prazos específicos de inscrición naquelas actividades nas que é preciso.

Mañás de verán e de xogo
Incluídos tamén en Vive o verán! están os campamentos de Mañás de verán, Mañás de xogo e o campamento no LSC de Figueiras, cunha oferta total de 205 prazas en sete localizacións para nenos de 4 a 12 anos. No último día de inscrición, o concelleiro indicou que as prazas están preto de cubrirse en todos os centros.

Compartir: