XUVENTUDE

O Concello organiza novas actividades de verán para os mozos e mozas de Compostela

20/05/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou o programa Verán Activo 2013, que recolle un amplo abano de actividades para que os rapaces da cidade poidan gozar do seu tempo de lecer dunha maneria lúdica e divertida.

Trátase dunha completa oferta para o tempo libre e de lecer que pretende dar resposta aos intereses da xente nova ademais de cumplir con dous obxectivos básicos: fomentar a práctica deportiva e constituír unha alternativa de ocio construtivo. As actividades, que combinan campamentos de aventura con obradoiros, celebraranse no mes de xullo. Na primeira quincena celebraranse as pensadas para os maiores de idade, mentres a segunda acollerá as iniciativas previstas para os rapaces de 14 a 17 anos. Trátase da primeira vez que se ofrecen actividades específicas para este grupo de idade, que moitas veces se atopaba nun baleiro entre os máis pequenos e os maiores de idade.

Deste xeito, ofreceranse dous campamentos. O primeiro deles será o campamento Pena Aventura, que terá lugar en Portugal do 8 ao 18 de xullo. Os rapaces participantes, que deberán ter entre 18 e 30 anos, disfrutarán de actividades físicas como escalada, rutas en piragua, visitas ao entorno, descenso en tirolina, etc. O prezo, 75 euros, inclúe aloxamento, manutención e viaxe de ida e volta.

O segundo campamento, pensado para os nenos e nenas de 14 a 17 anos, mestura o coñecemento do medio coa náutica e o inglés. Como sinalaron as responsables que o impartirán, Silvia Peña e Candela Chao, preténdese que os mozos se desenvolvan en inglés dunha forma lúdica mentres realizan actividades como o surf, paddelboard, esnorquel, bodyboard, kaiak-surf e outras como a visita a Castro Baroña, onde farán un exercicio de escalada. Para participar neste campamento non é necesario posuír experiencia nos deportes náuticos, pero si saber nadar e desenvolverse na auga. O prezo total é de 120 euros.
Outra das actividades a realizar será a xornada multiaventura que se celebrará en Carcacía o 23 de xullo. Por un prezo de 15 euros, os rapaces de 16 a 30 anos poderán divertirse facendo rafting, tiro con arco, mini painball ou escalada.

A oferta complétase con dúas actividades dun día: un obradoiro de picnic e un de customización de camisetas, ambos de balde. O primeiro deles será en Hello Cooking (rúa de Sar, 96, baixo) e o segundo, impartido polo artesán Pablo Vila, no CSC do Ensanche.

As incricións poden realizarse desde hoxe descargando a ficha no enlace deste nova e entregándoa no rexistro municipal en Galeras ou en calquera dos rexistros auxiliares.

Compartir: