INFORMÁTICA

A Carpeta Cidadá incorporará en breve a descarga de certificados tributarios e novas posibilidades de autoliquidación

25/01/2013 A Carpeta Cidadá da web municipal segue a incorporar novos trámites para achegar a Administración ao cidadán e facilitar as súas relacións coa mesma. Na actualidade, esta Carpeta conta xa con 1.600 usuarios rexistrados e en 2012 xestionou case 16.000 trámites.

A concelleira de Réxime Interior, Persoal e Informática, Amelia González, e o xefe do Servizo de Informática, Jesús Castro, informaron en rolda de prensa da incorporación de novos servizos á Carpeta Cidadá. Agora son 27 os trámites dispoñibles a través desta plataforma, fronte aos 7 co que nacera a mesma alá por 2005.

Hoxe son 1.600 os usuarios da Carpeta Cidadá. O acceso á mesma prodúcese mediante DNI electrónico, certificado dixital ou usuario e contrasinal. Dos case 16.000 trámites realizados en 2012, a concelleira destacou as 8.072 solicitudes de cita previa e, pola súa recente implantación, as reservas das instalacións deportivas municipais, con 954 solicitudes. Tamén se realizaron 2.013 autoliquidacións de vehículos e 3.040 solicitudes de paso e parada.

Recentemente se incorporaron novos servizos, como as comunicacións de obra menor ou de fin de obra e estase traballando en novos trámites electrónicos. Así, en breve incorporarase a descarga de certificados tributarios de débedas, titularidade e beneficios fiscais, e novas autoliquidacións (taxa por matrimonio, taxas de exame, tarxeta de bonobús, certificados en papel, etc).

Ademais, o Departamento de Informática está traballando noutros proxectos, como o sistema de xestión integral das actividades socioculturais, a adaptación da Carpeta Cidadá para o proxecto de vencementos especiais ou novos tipos de tramitacións urbanísticas.

Documentos relacionados



Compartir: