CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de preinscrición nos obradoiros para bebés "Medrar en familia"

10/12/2012 O martes 11 de decembro, ás 10:00 horas, ábrese o prazo de preinscrición para os obradoiros de pais e nais con bebés que co título Medrar en familia organiza a Concellaría de Centros Socioculturais dentro do programa Vive o Nadal 2012.

As familias interesadas poden anotarse achegándose aos centros socioculturais máis próximos e cubrindo a folla de inscrición, ou ben achegándose directamente á Casa das Asociacións de Cornes no seguinte horario: luns, de 10:00 a 14:00 horas; martes a venres, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, e sábado de 17:00 a 21:00 horas.

Os catro obradoiros desenvolveranse os días 18 e 20 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3). Ofertaranse tanto en horario de maña como de tarde, para facilitar a participación das familias (soamente se poden anotar nunha quenda).

O número de prazas en cada obradoiro é de 12, entendéndose como unha praza a un neno e un ou os dous proxenitores. Os obradoiros son gratuítos e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición ata cubrirse, aínda que haberá lista de agarda por se houbese baixas.

Os obradoiros levan os títulos de "Mama, papá que fago coas mans?" e "Mamá, papá, a que saben as cores?". A temática dos obradoiros permitirá estimular a psicomotricidade do bebé, fomentar a sociabilidade e fortalecer, a través dos sentidos e o movemento, o vinculo afectivo cos pais, a si como proporcionar ideas para que a familia aprenda a xogar e a medrar xunta.

Nenos e pais acabarán coas mans cheas de pintura e coa roupa lista para ir á lavadora. Procurarase estimular a motricidade fina do neno e que se familiarice cos conceptos de espazo, tamaño e cor. Todas as familias levarán un pequeno recordo do obradoiro para a casa.

Compartir: