BENESTAR SOCIAL E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC das Fontiñas incorpora un pioneiro servizo de teleasistencia xerontolóxica

08/11/2012 O Centro Sociocultural de Fontiñas acolleu unha demostración práctica do funcionamento dun dispositivo de teleasistencia avanzada denominado Telexerontoloxía. O sistema, deseñado polo Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña (UDC), é absolutamente pioneiro e único en todo o mundo e xa se está probando en residencias e domicilios, como programa piloto, dentro do proxecto Envellecemento+Activo de Novas Prácticas Institucionais de Base Transfronteiriza, financiado a través de fondos estruturais POCTEP e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Os concelleiros de Benestar Social, Paula Prado, e de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiron a esta demostración, que constatou as virtudes e beneficios de Telexerontoloxía e serviu para ofrecelo publicamente e de forma gratuíta a varios centros socioculturais de Santiago e particulares que queiran probalo no seu domicilio. A edil explicou que o CSC das Fontiñas incorporará este dispositivo, do que inicialmente se poderán beneficiar regularmente unhas 25 persoas maiores de 65 anos, con autonomía para o desenvolvemento das actividades básicas e instrumentais da vida diaria. A maiores, tamén poderá ser utilizado noutras accións de grupo que se realicen. Calquera persoa que estea interesada pode solicitar mais información nas dependencias da Unidade de Traballo Social de Fontiñas (Servizos Sociais) ou no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Este servizo, segundo explicou o concelleiro Francisco Noya, "vén a complemetar a oferta habitual da rede de centros socioculturais destinada ao público maior, poboación moi importante e numerosa de usuarios da rede". Así, na busca da mellora da calidade de vida dos maiores e na procura dun envellecemento activo, o Departamento de Centros Socioculturais desenvolve habitualmente actividades como obradoiros de memoria activa, cursos de ximnasia e movemento terapeútico, bailes, rutas didácticas pola cidade, excursións e saídas termais, clubs de xadrez, clubs de lectura, actividades todas que gozan dunha satisfactoria acollida entre o público maior. Neste curso ofertanse máis de 70 accions, nas que se teñen contabilizado mais de 800 usos. Ademais, os maiores fan uso a cotio dos servizos de lectura de prensa, revistas, zonas de encontro e exposicións.

O persoal de animación sociocultural do centro das Fontiñas participou no proceso formativo e de explicación do funcionamento do equipo de teleasistencia e atenderá o funcionamento do mesmo durante as tardes, complementando asi o traballo do Departamento de Benestar Social. O dispositivo está dispoñible na primeira planta do centro, no espazo de encontro.

Apoio personalizado
Xunto aos concelleiros, asistiu á demostración José Carlos Millán Calenti, director do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da UDC e catedrático en Xerontoloxía Clínica e Social na devandita institución. Este explicou o funcionamento deste innovador sistema de apoio xerontolóxico a domicilio baseado nas novas tecnoloxías de teleasistencia avanzada dirixido ás persoas maiores (e coidadores/ás) que vivan soas ou presenten perda de capacidade funcional e/ou cognitiva.

Telexerentoloxía valora cada persoa de xeito individual e personaliza as actuacións terapéuticas necesarias en cada momento, analizando o seu estado cognitivo, a tensión arterial, pulso, nivel de saturación de osíxeno en sangue e outros parámetros, ademais de facilitar a interacción por videoconferencia, fomentando paralelamente a atención centrada na persoa de forma on-line e o envellecemento activo.

Todo mediante unha conexión a Internet e os compoñentes de Telexerontoloxía: unha pantalla táctil de uso moi sinxelo e intuitivo; unha terminal central que conecta todos os dispositivos e a comunicación exterior, así como a súa xestión remota dende o Centro de Control, onde un equipo de expertos en xerontoloxía atende as 24 horas do día calquera incidencia ou consulta; finalmente, unha pulseira de alarma máis avanzada que as convencionais que activa un sistema de videoconferencia co Centro de Control, priorizando o historial clínico do usuario, que figura no devandito centro.

Telexerontoloxía ofrece tamén servizos como o adestramento e valoración cognitiva a través dunha aplicación denominada Telecognito, rehabilitación por vídeo e contidos estáticos, Internet ou un especialista na casa para calquera consulta e programa.

Documentos relacionados



Compartir: