BENESTAR SOCIAL

Entrega de diplomas aos participantes no programa de prevención "+ que fútbol"

21/09/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, entregou os diplomas aos participantes no programa + que fútbol, organizado pola Unidade Municipal de Atención a Drogodopendentes (UMAD), nun acto celebrado no pavillón do centro educativo Quiroga Palacios. Este programa vénse desenvolvendo todos os venres pola tarde.

+ que fútbol é un dos programas de prevención que realiza o Concello de Santiago a partir dunha subvención con cargo aos fondos de bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados. O seu obxectivo é crear un espazo de relación social arredor da práctica deportiva, neste caso a través do fútbol, pero formando un grupo informal, non definido e sen obrigas competitivas.

Os participantes xogan ao fútbol para divertirse e realizan actividades complementarias e dinamizadoras das relacións sociais, tales como a publicación de noticias xeradas por eles nestes encontros futbolísticos, reflectidas nun boletín semanal. Tamén fan reportaxes audiovisuais, participan nas redes sociais, compuxeron un rap sobre o fútbol e comparten unha merenda futboleira ao rematar os partidos.

+ que fútbol desenvólvese dende o mes de de abril todos os venres, de 19:00 a 21:00 horas no pavillón do centro educativo Quiroga Palacios. A día de hoxe, o grupo está formado por 27 persoas de perfís moi heteroxéneos, se ben o grupo está sempre aberto a novos participantes. Dous educadores coordinan a dinamización da actividade.

Foi tal o éxito do programa que, malia rematar a subvención o 30 de setembro, está programada a súa continuidade ata final de ano.

Documentos relacionados



Compartir: