TURISMO

Turismo de Santiago edita un folleto cunha "Ruta Monumental de Santiago"

06/08/2012 Turismo de Santiago ven de editar o novo folleto "Ruta Monumental de Santiago", unha publicación pensada para que os turistas poidan coñecer os puntos de maior interese do Casco Histórico. A nova publicación foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Turismo, Reyes Leis.

A ruta ten un percorrido cunha duración estimada de 2 horas e 45 minutos, no que se visitan 44 monumentos da cidade, unha cifra que por si mesma indica o valor patrimonial que acumula a cidade histórica. O percorrido comeza na praza do Obradoiro, entrando na Catedral. A continuación visítanse as outras prazas que rodean o edificio, Inmaculada e Acibechería, Quintana e Praterías. Logo paséase por diferentes rúas, pasando por espazos destacados da cidade como o Mercado de Abastos, a Porta do Camiño, Bonaval e incluso a Alameda. Tamén se inclúen referencias a algúns espazos interesantes fora da propia ruta, como a Colexiata de Sar ou o Convento de Belvís.

Este folleto súmase ao folleto da Catedral, que se distribúe na oficina de información turística dende comezos de ano. Ambos seguen a mesma liña, folletos sinxelos e visuais, con información precisa sobre os monumentos, que ao mesmo tempo permiten seguir un percorrido, xa pola propia Catedral ou polo Casco Histórico.

Ademais, vén de actualizarse o plano oficial da cidade, no que xa aparecen indicados novos espazos estratéxicos para o turismo na cidade: o novo Museo das Peregrinacións e de Santiago, a sala de exposicións sita na Casa do Cabido, o Museo de Galicia da Cidade da Cultura, ou equipamentos de próxima apertura como o novo Museo de Historia Natural ou o Centro Comercial As Cancelas, entre outros.

Praza de Abastos
Preguntada polo futuro da nave 5 da Praza de Abastos, Reyes Leis reiterou a aposta municipal por que sexa un "escaparate gastronómico", no que estean presentes "uns 10 ou 12 locais de tapas, de exaltación gastronómica, con produtos da propia Praza, e que sexan complementarios á oferta gastronómica da cidade, ofrecendo un valor engadido". Neste sentido, descartou totalmente a posibilidade dunha "aula gastronómica subvencionada".

A concelleira agarda que para o mes de novembro poida sacarse a concurso o proxecto para esta nave 5. Tamén con vistas á apertura futura desta nave, indicou que se está a estudar a posibilidade de que a Praza de Abastos puidera abrir polas tardes, unha petición que se lle trasladou á xerencia do Mercado para abordar posibles fórmulas.

Seguindo coa información sobre as obras, anunciou para decembro a posible entrada en funcionamento do ascensor. Xa a medio prazo e á espera do informe das catas realizadas aproveitando esta intervención na Praza, a intención do Goberno municipal segue sendo a de construír un estacionamento nesta zona da cidade, reiterou a concelleira.

Documentos relacionados



Compartir: