CULTURA

Producións Teatrais Excéntricas estrea "Oeste solitario" no Teatro Principal

07/10/2011 Producións Teatrais Excéntricas estrea nova obra e faino no Teatro Principal o luns 10 de outubro. Será Oeste solitario, peza do irlandés Martin MacDonagh, autor tamén do último traballo da compañía, Un cranio furado.

Baixo a dirección de Quico Cadaval, e adaptada por Avelino González, Oeste solitario conta no seu elenco con Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Marcos Correa e María Lado. Logo da estrea o luns, ás 21:00 horas, repetirán función con outros dous pases martes e mércores, tamén ás 21:00 horas. As entradas están xa á venda na web de Novacaixagalicia e poderán mercarse tamén os días de función na billeteira do Teatro Principal en horario de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas a un prezo de 7 € butaca, platea e primeira planta; 5 €, segunda planta; e 3 € no anfiteatro.

Unha casa afastada nas terras esquecidas do oeste de Irlanda. Ao pe da casa unha lagoa de augas escuras. Aló abaixo, a aldea; a carón da ría de Lennane. Nesa casa viven os protagonistas do Oeste solitario; Valene e Coleman, os irmáns Connor. Despois de enterrar ao pai, cociñan lentamente o rancor, a intolerancia e o odio. A historia semella que só pode acabar dunha maneira: cun dos dous cranios, ou os dous, rebentados polo tiro dun cartucho do 12. Gileen, a rapariga que lles vende o alcohol ilegal; e o padre Welsh, patético párroco fracasado, interveñen na historia, provocando, involuntariamente, un xiro inesperado.

Oeste Solitario é unha obra de Martin McDonagh, autor tamén de Un cranio furado, que Excéntricas presentou na tempada pasada, e que mereceu o aplauso do público e cinco premios María Casares. Con Oeste solitario, Martin McDonagh fechou a súa Triloxía de Lennane. Excéntricas conta esta vez de novo coa versión galega do premiado tradutor Avelino González; Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira interpretan ao fraterno dúo protagonista e as estrelas convidadas María Lado e Marcos Correa a Girleen e ao padre Welsh. Quico Cadaval regresa ao teatro irlandés despois da súa paréntese alemá coa Ópera dos tres reas de Brecht e Weill para o CDG. A equipa artística complétase co escenario de Kukas, o deseño sonoro de Piti Sanz, a iluminación de Octavio Más, o deseño gráfico do artista Pancho Lapeña e o produtor Rubén G. Pedrero.

Documentos relacionados



Compartir: