PLENO

O Pleno aproba a redución do réxime de dedicacións exclusivas e persoal de confianza

07/07/2011 No primeiro Pleno da nova Corporación, neste caso extraordinario e urxente, aprobouse o réxime do persoal eventual e de dedicacións exclusivas dos concelleiros. Tamén se determinaron os integrantes das diferentes comisións e dos organismos supramunicipais, organismos autónomos, fundacións, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais.

Tal como xa tiña anunciado o alcalde na xornada anterior, produciuse unha redución do 30% do persoal de confianza e das dedicacións exclusivas dos concellerios respecto a anterior lexislatura. Esta minoración traducirase nun aforro total de case dous millóns de euros nos catro anos de mandato.

Das 17 dedicacións exclusivas de concelleiros da anterior lexislatura (14 do Goberno e 3 da oposición) pasaranse a 14. Mantéñense as 3 da oposición e o Goberno terá unicamente 11. A redución provén do feito de que o Goberno ten un concelleiro menos respecto a anterior etapa e de que dous concelleiros non terán dedicación exclusiva. Estes serán Albino Vázquez e Paula Prado, cuxos salarios dependerán, respectivamente da Deputación da Coruña e do Parlamento de Galicia.

En canto aos asesores ou persoal de confianza, na anterior lexislatura había 20, dos que 16 estaban asignados ao Goberno e 4 á oposición. Na nova lexislatura, o Goberno terá 11 e a oposición 3. No caso da persoa do grupo A e nivel 24 que lle correspondería ao BNG, o Pleno aceptou o cambio da mesma por dúas do grupo C.

Comisións
Na mesma sesión aprobouse a creación e composición das diferentes comisións:

- Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e Especial de Contas: sete representantes do PPdeG, catro do PSdeG-PSOE e dous do BNG.

- Comisión de Urbanismo, Infraestruturas, Vivenda e Medio Ambiente: sete PPdeG, catro PSdeG-PSOE e dous BNG.

- Comisión da Área Social, Cultura e Servizos: sete PPdeG, catro PSdeG-PSOE e dous BNG.

- Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións: catro PPdeG, dous do PSdeG-PSOE e un BNG.

- Comisión de Dirección do Plan Estratéxico: concelleiras de Facenda e de Economía, dous PPdeG, dous PSdeG-PSOE e un BNG.

- Comisión Asesora do Casco Histórico: catro PPdeG, dous PSdeG-PSOE e un BNG

Ademais, poderanse constituír comisións especiais para o estudio de diversas materias e baixo a presidencia do Alcalde, que estarán formadas por catro concelleiros do PPdeG, dous do PSdeG-PSOE e un do BNG. Tamén se constituirá a Xunta de Voceiros como Comisión Especial presidida polo alcalde e composta polos voceiros de cada un dos grupos municipais.

Organismos e empresas municipais
En canto aos nomeamentos de representantes nos diferentes organismos con participación municipal, a novidade máis importante respecto da anterior lexislatura vén da presenza dos dous grupos municipais da oposición no Consorcio de Santiago. Destacou o alcalde, Xerardo Conde Roa, que esta representación se produce a costa da propia do PP no citado órgano interadministrativo.

A relación de organismos e reparto de representantes indícase no documento adxunto.

Periodicidade das sesións
Tamén se deu conta da constitución dos grupos municipais e das resolucións da Alcaldía en materia de delegacións. Ademais, acordouse que as sesións dos Plenos seguirán sendo o último xoves de cada vez, se ben as dos meses de abril maio, xuño, xullo e setembro serán ás 18:30 horas, e as de novembro, decembro, xaneiro, febreiro e marzo ás 17:30 horas.

Compartir: