CULTURA

Eduardo Estévez presenta os seus "Itinerarios"

14/12/2005 Dentro do ciclo "Poeta en Compostela", organizado pola Concellaría de Cultura e "El Correo Gallego", o escritor Eduardo Estévez presenta esta antoloxía, na que participaron poetas coma Antía Otero, Marta Dacosta, Estevo Creus, Celso Fernández Sanmartín, Baldo Ramos, María Lado, María do Cebreiro e Rafa Villar.

A presentación de itinerarios terá lugar o xoves 15 ás 19.30 horas no salón do Casino de Santiago, na compostelá rúa do Vilar.

Eduardo Estévez naceu en 1969 na capital arxentina, Bos Aires, e tras residir nese país e en Venezuela chegou a Galicia no 1995.

Ten publicados os poemarios "Catedrales de perfil" (Bos Aires, 1990), "Ya tan deshabitado" (Maracay, Venezuela, 1994) e, en galego, "só paxaros saíron desta boca" (accésit do premio Miguel González Garcés de 1997, publicado no 1998), "lúa gris" (finalista do premio Tivoli Europa 1999, publicado en 1998), "os veos da paisaxe" (2000), "caderno apócrifo da pequena defunta" (XV premio Eusebio Lorenzo Baleirón, publicado no 2003), "derrotas" (premio Concello de Carral no 2002, publicado no 2004), "Postais" (texto en colaboración con Caro Erlich, 2005) e "mapas para describir a ausencia" (2005), as dúas últimas na súa web www.luagris.net.

Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e de Retagarda Edicións. Traduciu ao castelán poetas brasileiros e portugueses e os galegos X.M. Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xela Arias e Manuel Forcadela. É tamén autor da "Antología breve de Alejandra Pizarnik" (1993).

Compartir: