TURISMO

Turismo de Santiago presenta o primeiro turoperador local mixto de España

13/12/2005 ‘Compostur’, turoperadora de tipo mixto pioneira no país, funciona desde o pasado mes de maio coma unha empresa mixta para a creación e comercialización dos produtos turísticos de Santiago e bisbarra. A súa presentación oficial no Hostal dos Reis Católicos, este mércores 14, marca tamén a entrada en funcionamento da súa central de reservas on-line, www.SantiagoReservas.com, e do seu primeiro catálogo para 2006.

Trala adxudicación do concurso aberto para a súa explotación, Viajes Viloria e Turismo de Santiago puxeron en marcha esta primavera, baixo o perfil de experiencia piloto, o primeiro turoperador local con participación pública, creado co obxectivo de deseñar e comercializar unha oferta turística integral en torno a Santiago e o seu camiño de peregrinación.

A xestión dunha central de reservas de servizos turísticos de Santiago de Compostela; a xestión dos puntos de venda de servizos turísticos nas oficinas de información de Turismo de Santiago e a creación de ‘paquetes’ turísticos locais para o mercado turístico nacional e internacional, son algúns dos obxectivos xa cumpridos nesta primeira etapa polo turoperador oficial da cidade.

Central de reservas e catálogo de produtos
A central de reservas , que se presenta ao sector turístico este mércores 14 ás 20 horas, funciona como un gran portal para a comercialización de paquetes turísticos de creación propia nos que se integrarán de forma novidosa os abundantes recursos turísticos composteláns e os da súa área de influencia.

Desta maneira, a páxina web permite reservar desde aloxamentos (hai máis de 30 hoteis adheridos ao sistema) ata sesións de balneario ou mergullo; contratar visitas guiadas, excursións, alugar bicicletas ou paseos en avioneta e beneficiarse de ofertas de última ou last minute para a reserva de habitacións e outros servizos.

Tamén é posíbel escoller rutas temáticas pola cidade e os seus arredores ou decidirse por paquetes completos de motivación relixiosa, cultural, de natureza, etnográfica, gastronómica e familiar con aloxamento, transporte e manutención incluídos, nos que Santiago servirá de ‘lanzadeira’ para achegarse a toda oferta turística galega.

Á web e ao teléfono 902 190 160 engádese o primeiro catálogo Compostur 2006, destinado a axencias e accións de promoción. Esta publicación, editada en seis idiomas, presenta a Compostela a través da súa oferta turística, invitando directamente ao seu ‘consumo’ a través da contratación de paquetes temáticos pola cidade ou cara á cidade, como é o caso dos circuítos que parten desde Madrid, Barcelona ou Bilbao percorrendo os puntos chave do Camiño de Santiago, as Cidades Patrimonio da Humanidade, a ‘España Verde’ ou Galicia.

Con estes instrumentos, Compostur poderá cumprir a medio prazo con obxectivos como a ampliación da oferta de servizos nas oficinas de turismo municipais, a diversificación dos produtos turísticos composteláns, a mellora da comercialización nacional e internacional de Santiago e a súa competitividade como destino turístico; e o reforzo ás temporadas media e baixa e da estancia media.

Compartir: