TRANSPORTES

Os usuarios do transporte urbano, satisfeitos co funcionamento do servizo

08/04/2010 Os usuarios do transporte urbano de Santiago están satisfeitos co resultado que se lles presta. Así se desprende da enquisa encargada pola Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), que supuxo a realización de 801 entrevistas. O perfil de usuario máis habitual é o dunha muller traballadora de entre 35 e 44 anos.

A valoración global do servizo de transporte urbano outorgada polos seus usuarios é de 6,95 puntos sobre 10. Nesta apreciación a maior nota é concedida ao trato do persoal (7,5), seguida da seguridade na viaxe (7,35) e da información de percorridos (7,32). Os aspectos menos valorados, pero sempre cunha nota amplamente por riba do aprobado, son as frecuencias de paso (5,8) e o estado das paradas (5,89).

O concelleiro de Transportes e Mobilidade, Carlos Nieves, expresou a súa satisfacción por estes datos, que reflicten unha satisfacción xeneralizada dos usuarios co servizo. Non obstante, resaltou que as principais demandas dos viaxeiros cara a mellorar o transporte urbano refírense, por esta orde, ás frecuencias, á puntualidade e a un maior número de paradas, autobuses e paneis.

Nesta percepción positiva do servizo polo usuario incidiu tamén o xerente da operadora Tralusa, Luís Suárez LLanos, quen indicou que o nivel de puntualidade dos autobuses é do 95%. A este respecto, o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, aclarou que máis que unha maior puntualidade, un bo grupo de usuarios desexaría máis frecuencias de paso.

Co obxecto de mellorar a información que se lle ofrece ao viaxeiro, Nieves apuntou que proximamente se instalarán 12 novos paneis informativos que permitirán ofrecer datos en tempo real sobre a situación dos autobuses en cada momento e o tempo que resta ata que cheguen á parada. Ademais, presentarase en breve unha enquisa sobre mobilidade que, xunto a este estudo, ofrecerá un marco de análise global a partir do que traballar no futuro.

Tamén sobre a valoración global do servizo, o estudo apunta que é mellor entre os homes que entre as mulleres. Os máis maiores tamén outorgan unha nota media máis alta que o resto de persoas máis novas. Os xubilados son os máis optimistas á hora de valorar o servizo. Por outro lado, os máis críticos coa puntualidade son os homes.

Maior utilización polas mulleres
En canto ao perfil de usuario, Nieves incidiu na necesidade de centrar os esforzos naquelas persoas que dispoñen de vehículo propio e de capacidade para utilizar o mesmo, facendo especial fincapé nos homes.

Segundo as respostas dos entrevistados, o bono ordinario é o máis empregado entre os usuarios do autobús en Compostela; máis de catro de cada dez viaxaban con este tipo de bono. Algo máis dun de cada catro viaxeiros sérvense do billete ordinario para desprazarse, sen acollerse a ningún tipo de desconto. A continuación, os bonos mensuais e os de pensionistas son os máis recorrentes entre os viaxeiros, acadando o 13% e o 11,8% de usuarios respectivamente.

O perfil maioritario dos usuarios do bono ordinario é feminino en canto ao xénero, de idade media entre 35 e 44 anos e, na maior parte dos casos, persoas que traballan. O seguinte tipo de pago máis empregado é o billete ordinario, e este úsano máis os homes que as mulleres. En canto á idade, os que se atopan entre os 18 e os 34 anos son os que máis o utilizan e, no que se refire á situación laboral, os desempregados fan máis uso deste tipo de tarifa.

Uso laboral
Dos 801 casos preguntados, a meirande parte emprega o autobús en días laborables, e faino fundamentalmente a diario. A maioría das persoas fai uso do autobús en días laborables (o 98,63%). O sábado é o día da fin de semana que máis viaxeiros de autobús hai, superando os domingos (un 37,58% fronte a un 31,59%). A frecuencia de uso repártese cun 87,64% que colle o autobús case a diario, un 53,31% que o fai esporadicamente e un 26,84% que recoñece empregalo varios días por semana.

En canto aos motivos da viaxe, o primeiro indicador é o desprazamento ao lugar de traballo. Case tres de cada dez viaxeiros colleu o bus para achegarse ao seu centro laboral. Os estudantes que se desprazan a clases, cursos ou bibliotecas son o segundo tipo de usuario do transporte público de autobús máis habitual en Compostela; así, o 15,6% dos viaxeiros diríxese a algún sitio relacionado coa súa formación académica.

A praza de Galicia, a parada máis utilizada
A parada máis empregada polos usuarios de autobús en Santiago é a da praza de Galicia. Utilízana case dous de cada dez usuarios. A continuación sitúase a parada da rúa Senra, co 12,9% dos viaxeiros, e a parada de Fontiñas, coa mesma porcentaxe.

Pouca incidencia do transporte comarcal
Finalmente, analizouse no estudo a posición do Concello como cabeceira da comarca. O obxectivo é perfilar o usuario obxectivo cara a posta en marcha do novo transporte metropolitano. O 88,3% dos viaxeiros non ten que usar antes o autobús comarcal dende as aforas de Santiago para acceder ao servizo urbano.

Documentos relacionados



Compartir: