TRANSPORTES

"Tes máis bus", a nova campaña de promoción do transporte público urbano

02/12/2009 A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago (TUSSA), pon en marcha unha nova campaña dirixida a fixar a imaxe para o transporte urbano e a promover o seu uso entre os cidadáns. A campaña diríxese prioritariamente á franxa de idade comprendida entre os 30 e os 50 anos.

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, e o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, presentou a nova campaña, que leva por título Tes máis bus. Grazas a esta iniciativa quere chegarse a aqueles usuarios que dispoñen tanto da capacidade de utilizar o vehículo privado como o autobús urbano, transmitíndolles as vantaxes deste último.

Segundo indicou o concelleiro, a análise dos títulos de transporte reflicte que os principais usuarios son os maiores e de aí a necesidade de incidir noutra franxa poboación. Ademais, enténdese dende TUSSA que é unha oportunidade para eliminar prexuízos existentes aínda a día de hoxe sobre o uso do transporte público, ao asimilar este uso coas clases sociais máis desfavorecidas. "Apostamos pola mobilidade en transporte público como inclusión social e non como exclusión", dixo.

Entre as mensaxes que se transmitirán na campaña está a do autobús como símbolo de progreso e de mellora da calidade de vida, tanto para os usuarios como para a propia imaxe de cidade global. Os lemas de "Tes máis bus" van encamiñados a unha imaxe de xuventude, globalidade e calidade de vida, sen perder ninguén a súa capacidade individual.

Varias fases
Ao lanzamento da campaña, durante un mes, seguiralle outra campaña nos medios de comunicación e a entrega de material promocional. As mensaxes da iniciativa irán tamén en tres traseiras dos autobuses e repartiranse chaveiros e pen drives nas principais paradas do transporte urbano da cidade. Estas actividades promocionais desenvolveranse principalmente en decembro e na primeira quincena de xaneiro, aínda que tamén se retomará ao longo de 2010.

Compartir: