ALCALDÍA

Vinte e oito obras do FEIL remataranse no prazo previsto

01/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou, xunto co delegado do Goberno, Antón Louro, as obras que se están a levar a cabo no Ensanche Vello e na rúa do Olvido, incluídas no Fondo Estatal de Investimento Local 2009.

As obras do Ensanche Vello están entre as 28 das 33 nas que se manteñen os prazos de remate antes do 31 de decembro. Para outras cinco, entre elas a da rúa do Olvido, solicitarase o prazo adicional de tres meses previsto na lei, se ben o alcalde indicou que é previsible que se rematen antes dese prazo.

As obras con prórroga serán a da Canteira, motivada por ter que esperar por un permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, ao estar afectada un tramo do Camiño; tres da Cidade Histórica (Olvido, Trindade e Belvís), por problemas arqueolóxicos; e a rede Wimax de Aríns, por ter que cambiar a ubicación da antena.

Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Curros Enríquez, Gómez Ulla, Pérez Constanti e Laverde Ruíz, están a ser reurbanizadas integralmente grazas aos FEIL. Con esta actuación, contarán con espazos máis habitables, grazas ás súas amplas beirarrúas, á colocación de pavimento antideslizante e á renovación do mobiliario, do arborado e da sinalización. Ademais, elimináronse as barreiras arquitectónicas.

Ademais das beirarrúas e da solución dos problemas de rasantes existentes nalgunha confluencia destas rúas, aproveitouse para cambiar completamente e separar as redes de pluviais e fecais, que ata agora transcorrían en paralelo. Igualmente, soterráronse cabreados que ata agora circulaban exteriormente.

Destaca tamén a colocación de contedores do lixo soterrado e a creación de prazas de aparcamento, carga e descarga e accesible para persoas con mobilidade reducida. Dentro da nova iluminación, salienta a sinalización luminosa diferenciada dos pasos de peóns. En Pérez Constanti, Santiago de Guayaquil e Laverde Ruíz instaláronse aparcabicicletas na beirarrúa. O custo global destas seis actuacións supuxo uns 2,5 millóns de euros.

Rúa do Olvido
Tras dar unha volta por estas rúas do Ensanche Vello, Sánchez Bugallo e Louro desprazáronse ata a rúa do Olvido. Neste vieiro e no seu contorno tamén están a rematar unhas obras que permitirán comunicar a zona de Belvís co Ensanche compostelán e eliminar a beirarrúa actual de formigón para substituíla por lousas de pedra. Ademais, estase a construír un aparcadoiro soterrado.

Na rúa do Olvido conservouse o pavimento central de lousas de pedra existentes. Un muro de mampostería delimitará a nova praza do Olvido, que levará o nome de Marcial Villamor Varela. Ademais, eliminouse a beirarrúa actual de formigón, sendo substituída por lousas de pedra, para acceder a cada vivenda. A reurbanización da rúa complétase co saneamento do muro de mampostería e co rebaixe do mesmo, para reducir o seu impacto sobre as vivendas. No contorno mais occidental da área intervida ábrese a nova rúa que servirá para ascender dende Castrón d’Ouro cara os Pexigos.

A nova praza ocupa o espazo central desta área, subdividida polo actual outeiriño verde, o cal se aproveita para crear un camiño transversal que comunicará a nova rúa coa do Olvido. Tamén se habilitará un parque de xogos infantís e, xa na confluencia con Pexigos e Olvido, situarase un elemento icónico como é unha árbore do Olvido, acompañada de bancos ao seu carón. O investimento nesta actuación alcanzou o millón de euros.

Compartir: