XUVENTUDE

O Centro Sociocultural O Ensanche organiza o ciclo de cine fantástico "Non Future"

22/10/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou un ciclo de cine de ciencia ficción, Non Future, que se celebrará do 26 ao 30 de outubro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche en horario de 20:00 e 22:00 horas. No acto, tamén estivo presente o xornalista cinematográfico da TVG e Radio Galega, Moncho Lemos, en calidade de coordinador da actividade cultural.

Segundo indicou o concelleiro, durante todo este ano realizáronse diferentes propostas para coñecer as novas producións cinematrográficas, así como ciclos especializados de cine e outro tipo de actividades de gran atractivo para a mocidade, organizadas dende o Concello, a Universidade ou por colectivos e entidades culturais.

Esta serie de ciclos (como o que xa se desevolveu no mes de maio dedicado ao cine de terror, Os meus terrores favoritos) están deseñados para reforzar o ocio cultural e alternativo, fomentar a participación xuvenil da cidade e garantir a continuidade e calidade do audiovisual de Compostela, respaldando a súa vez festivais como Curtocircuíto e Cineuropa (que se celebrará no mes de novembro) e actualizando o seu público.

Moncho Lemos destacou que o ciclo de ciencia ficción, deseñado polo grupo de expertos de Cineuropa, aposta por cinco películas que destacan por un plus de interese, "aínda que na súa estrea non foron éxitos de taquilla nin portada de revistas", apuntou o xornalista.

O coordinador desta actividade cultural indicou que se trata dun grupo de filmes dos anos 70, 80 e 90 que engarzan moi ben cos aires actuais da ciencia ficción e que non centran o seu argumento en robots, marcianos nin espadas láser. En definitiva, Moncho Lemos sinalou que é o lugar ideal para o intercambio de ideas e opinións, un momento para a reflexión e o debate.

Cada día proxectaranse dous filmes, o primeiro ás 20:00 horas, que contará coa presentación e posterior debate, e a segunda ás 22:30 horas. A entrada é libre ata completar o aforo da sala.

Apertura da convocatoria de cursos e talleres
Baqueiro anuncio que xa está aberta a convocatoria para os cursos de fotografía dixital analóxica (de introdución, perfeccionamento e retoque fotográfico) que se van celebrar no Centro Sociocultural O Ensanche nos próximos meses. Ademais, o Departamento de Xuventude tamén convoca un curso de realización de documentais para que os alumnos adquiran coñecementos de linguaxe documental, proxectos de produción, comercialización e distribución, edición e visionado e estudo de documentais. Igualmente organizará un taller de realización de curtametraxes para introducir aos mozos e mozas de Santiago na produción audiovisual.

Documentos relacionados



Compartir: