BENESTAR SOCIAL

O programa "Mente Activa" ensina aos maiores estratexias para mellorar a memoria

21/09/2009 Os centros socioculturais do Castiñeiriño e Villestro acollerán as sesións do programa de estimulación cognitiva Mente Activa. Esta iniciativa está destinada a mulleres e homes que superen a barreira dos 60-65 anos interesados en aprender estratexias para fortalecer e mellorar a súa memoria.

Este programa é unha oportunidade para estimular e manter activas as capacidades cognitivas, ademais de adestrar e fortalecer a memoria para previr ou retrasar problemas asociados ao desenvolvemento do Alhzeimer. A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, e a técnica do departamento Inmaculada Peleteiro presentaron estes obradoiros de Mente Activa, nos que se traballarán diferentes áreas a través de xogos, exercicios, regras e técnicas nemotécnicas.

As sesións celebraranse os días 22, 23, 24, 25, 20 e 30 de setembro e os días 1, 2, 6 e 7 de outubro. As do Centro Sociocultural do Castiñeiriño serán pola mañá, de 10:30 a 12:30 horas, mentres que as de Villestro impartiranse pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas.

Os talleres contarán con exercicios de linguaxe, orientación, memoria, cálculo e lectura. Realizaranse utilizando unha metodoloxía participativa, adaptada á propia realidade cotiá dos participantes. Ao remate, e como aplicación práctica do traballado, os alumnos poderán elaborar o seu "Libro da memoria: historia da miña vida". Con este identificarán a importancia do recordo e as historias vitais para un envellecemento satisfactorio.

Este programa, organizado pola Concellería de Benestar Social, desenvólvese coa colaboración dos Centros Socioculturais e baixo o financiamento da Deputación da Coruña.

Documentos relacionados



Compartir: