FESTAS

Rober Bodegas convértese en Cristiano Ronaldo para abrir as Festas do Apóstolo

17/07/2009 Como Cristiano Ronaldo. Así apareceu Rober Bodegas nos balcóns do pazo de Raxoi para dar o pregón das Festas do Apóstolo ante o numeroso público que encheu a praza do Obradoiro. O monologuista de Carballo botou man da actualidade e dos referentes históricos de Compostela para dirixirse a un público que logo puido asistir de balde ao concerto de Nuria Fergó.

Ao modo da presentación do futbolista luso no Santiago Bernabeu, o Cristiano Ronaldo de Rober Bodegas, con acento portugués, dixo ter cumprido seu sono desde neno de dar o pregón do Apóstolo. E claro, non faltaron nin o "Un, dous, tres:¡Hala Santiago!, nin uns toques a un balón.

Despois desta humorística referencia á actualidade futbolística, Rober Bodegas declarouse "moi emocionado" por estar na praza do Obradoiro pronunciando o pregón. Como bo monologuista, as súas foron unhas verbas cheas de referencias ao cotiá e ao máis próximo, como a súa vila natal, Carballo.

Xa a propósito de Santiago de Compostela, recordou as súas visitas de neno á cidade. "Cando eu era pequeno, vir a Santiago equivalía a vir de excursión, a facer turismo, visitar as súas igrexas, os seus parques, os museos non que hai que pagar... non, os museos tamén, pero a min, por enriba de todos os monumentos o que máis ilusión me facía era poder comprobar de que color era o cabalo branco de Santiago, porque a min dicíanme que era branco pero eu esas cousas se non as vexo non me fío". Tamén apuntou que "o que máis me chamaba a atención eran os peregrinos, que non viñan coa capiña marrón esa que dicía antes, viñan en chancletas e con calcetíns brancos, que dicía eu, se hai que vestir así de hortera para que che dean a Compostelá, eu non fago o Camiño nin de broma".

O seu paso polo Monte do Gozo e as súas viaxes a Santiago nos seus tempos de estudante na Coruña tamén estiveron presentes nas palabras de Bodegas. Da súa experiencia deixou unha reivindicación de máis columpios e máis bancos para a estación do tren. E o dato da Wikipedia de Santiago como a quinta cidade máis soleada en España en 2007 déronlle ao humorista para concluír que "Santiago é tan bonito seco coma mollado".

"Eu creo que debedes estar orgullosos de vivir nesta cidade, como eu o estou de tela tan cerca da casa, porque en Carballo os indicadores si que sinalan Santiago e non Santa Comba, porque Santiago está aí e si que interesa que se saiba", apuntou xa rematando a súa intervención. Finalmente, alusión ao sepulcro do Apóstolo e ao orixe da palabra Compostela (Campus Stellae), para declararse "un universitario que bebe Estrellas".

Nuria Fergó
Tras as palabras de Rober Bodegas, a protagonista foi a cantante Nuria Fergó, que interpretou os temas do seu último traballo "Tierra de nadie". Na praza do Obradoiro mesturáronse os ritmos da rumba, o flamenco, a balada ou o pop latino nun concerto de balde.

Sábado 18
Para a xornada do sábado está prevista a celebración das Xornadas de Folclore Galego na praza da Quintana, a partir das 22:00 horas. Participarán Cantigas e Agarimos, Brincadeira, A Ponte Vella e Tahume. Xá á media noite, no Toural, actuación do Pablo Seoane Grupo.

Tamén durante a xornada do sábado continuarán desenvolvéndose os campionatos de chave e, na Alameda, nova entrega de Espírito Latino entre as 20:30 e as 3:00 horas.

Compartir: