ALCALDÍA

Santiago leva licenciadas 700 vivendas no que vai de ano

03/07/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosouse satisfeito co "excelente ritmo" da construción en Santiago. O ano pasado construíronse 1.138 vivendas e este ano serán entre 1000 e 1.200 as vivendas construídas, das cales 700 xa están licenciadas.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou en rolda de prensa que tras colocar o pasado sábado 29 de xuño a primeira pedra do Sunp-12 do Castiñeiriño, ponse en marcha a construción do último dos cinco polígonos de vivendas protexidas que están previstos edificar neste barrio, catro deles xestionados por Emuvissa. Son 450.000 metros cadrados de solo adquirido na súa "case totalidade", dixo o alcalde, posto que aínda falta por adquirir un 0,8% no Sunp-12. En opinión do alcalde, trátase dun "proceso exemplar", pois todos os polígonos están xa en marcha. En conxunto, son 2.000 vivendas (400 de prezo taxado, 1.300 de protección autonómica e máis de 200 de réxime especial), que suporán unha transformación total do barrio do Castiñeiriño.

O alcalde e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, anunciaron que neste mes de xullo comezarán as obras do Sunp-5 de San Lázaro (A Muíña), na antiga da antiga fábrica de Cuétara, quedando así completado o antigo PXOM. O primeiro polígono de promoción pública do novo PXOM será o Sud-4 de A Pulleira que, tras a súa exposición pública e as conseguintes alegacións, queda dividido agora en dous polígonos: un onde se concentran as vivendas e outro coa maior parte do uso terciario.

O alcalde quixo deixar claro que desde o punto de vista urbanístico, Santiago mantén "un ritmo excelente", con 700 vivendas licenciadas no primeiro semestre do ano (400 de protección autonómica ou de prezo taxado, 50 unifamiliares e máis de 250 libres). O ano pasado foron 1.138 e este ano serán entre 1000 e 1.200 as vivendas construídas."Outra cuestión", aclarou, "son as formalizacións de compra-venda polo prezo especial que a vivenda protexida e as cooperativas teñen en Santiago" (das 700 case 400 están construídas por cooperativas), explicou. En todo caso, estamos "extraordinariamente contentos de cómo funciona o sector, as nosas cifras son excepcionais en toda España".

Obra da Galuresa
En relación á obra da Galuresa, Bugallo sinalou o pequeno contratempo que supón "o retraso no traslado do coaxial de Telefónica", que necesita un mes máis de prazo. "Cando se actúa no tecido urbano, hai que adaptarse á realidade", dixo. A pesar disto, hai "unha boa noticia que confirma algo que xa anticipara en xuño de 2008": o compromiso do Ministerio de Fomento de anticipar a anualidade de 2008, de xeito que a obra de Galuresa saíse a licitación repercutida en catro anualidades. "Había o compromiso de que segundo se fosen dispoñendo de fondos se anticipara o financiamento", de xeito que a obra se concluíse "cando a empresa construtora estivese en condicións de facelo e non houbese ningún condicionante por razóns orzamentarias: hoxe soubemos que parte da anualidade de 2011 se anticipa ao 2009 co obxectivo de que en 2010 a obra se remate e se teña todo o financiamento repercutido entre 2008, 2009 e 2010", explicou.

Finalmente, na súa rolda de prensa semanal, o alcalde felicitou a Andrés Fariña polo esforzo organizativo da Feira Medieval "sen interferir nos circuítos de circulación nin obstaculizar o acceso ao comercio tradicional". "O importante é ver o casco histórico cheo de xente e de actividade", concluíu.

Documentos relacionados



Compartir: