INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA

Un tramo da rúa Fernando III El Santo quedará cortado ao tráfico do 6 ao 10 de xullo por mor das obras do túnel do Hórreo

01/07/2009 As obras de reposición de servizos no Hórreo obrigarán a cortar o tráfico en Fernando III El Santo, no tramo entre o Hórreo e a rúa da Rosa, do luns 6 ao venres 10 de xullo. Neste tempo estará prohibido o tráfico na rúa e unicamente se permitirá a entrada para os residentes e para a carga e descarga. No caso dos peóns, non poderán cruzar cara a estación de ferrocarril no paso de peóns ao final desta rúa e deberán desprazarse uns metros máis arriba, ao paso de peóns do remate da rúa San Pedro de Mezonzo.

O concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, explicou estas modificacións no tráfico nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, e polo xefe da Policía Local, Norberto Villaverde. Todos estes cambios estarán debidamente sinalizados tanto para os condutores como para os peóns.

Rama aproveitou a rolda de prensa para reiterar as desculpas polas molestias que todas estas obras poden ocasionar aos veciños e para agradecer a súa comprensión. Non obstante, destacou o desenvolvemento "sen problemas" das recentes obras nocturnas en Amor Ruibal e Antón Fraguas. Recordou que se produciran algunhas chamadas polos ruídos provocados, pero o concelleiro incidiu en que as obras ruidosas en todo caso estiveron rematadas ás 1:00 horas. En ambas obras, o tráfico estivo restablecido sempre ás 6:00 horas.

Sobre a marcha das obras do túnel do Hórreo, Rama indicou que "hai un retraso de aproximadamente un mes, debido ao retraso na reposición dos servizos telefónicos" a cargo da empresa encargada dos mesmos. Con todo, a UTE encargada das obras do Hórreo transmitiulle ao concelleiro que este tempo poderá ser recuperado.

Corte o xoves 2 polas obras en Xeneral Pardiñas
Por outra parte, as obras de reurbanización de Xeneral Pardiñas obrigarán a un corte de tráfico durante a noite do xoves 2. A partir das 23:30 horas quedará prohibido o paso de vehículos pola rúa Montero Ríos no tramo entre Alfredo Brañas e a praza de Galicia, e tamén en Xeneral Pardiñas, entre República del Salvador e Montero Ríos.

O tráfico quedará restablecido ás 6:00 horas. O corte débese a obras nas canalizacións de saneamento e pluviais. Realízase de noite para minimizar as molestias e a incidencia no intenso tráfico da zona.

Documentos relacionados



Compartir: