ALCALDÍA

Trinta anos tecendo a cidade que queren os composteláns

22/04/2009 O XXX aniversario das corporacións democráticas tivo como acto central unha recepción do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a todos os integrantes das corporacións compostelás de 1979 a 2007. Ademais, houbo un recoñecemento expreso aos alcaldes do Concello de Santiago dende 1979: José Antonio Souto Paz (1979-1981), Marcial Castro Guerra (1981-1983), Xerardo Estévez Fernández (1983-1986 e 1987-1998) e Ernesto Viéitez Cortizo (1986-1987).

Os alcaldes das corporacións democráticas foron recibidos por Xosé A. Sánchez Bugallo e asinaron no Libro de Honra da Cidade. Despois dirixíronse ao Salón Nobre, onde o alcalde lles entregou cadanseu pergameo en lembranza desta data. Cómpre recordar que a homenaxe tamén se vai materializar, por acordo plenario, en darlle o seu nome a catro novas rúas da cidade. Os catro homenaxeados declaráronse "agradecidos e abrumados" por esta decisión, que dedicaron aos seus respectivos compañeiros de corporacións.

Na súa intervención, o alcalde fixo un repaso polos 30 anos transcorridos dende a elección das primeiras corporacións democráticas. Para Santiago, dixo, "representan a transformación máis espectacular da súa historia dende os tempos do Barroco". Con todo, engadiu, "o principal cambio foi que por primeira vez os cidadáns de Santiago decidiron a cidade que querían ter". A eses cidadáns quixo tamén render homenaxe.

Despois de mencionar algúns deses fitos que marcaron a transformación da cidade, como o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou o Plan Especial da Cidade Histórica, o alcalde dirixiuse aos alcaldes homenaxeados. Deles dixo que, na súa persoa, "os cidadáns de Santiago estanse recoñecendo a si mesmos a capacidade de gobernarse e transformarse". Non faltou unha lembranza ao 14 concelleiros que xa non están entre nós de entre os preto de 200 que formaron as corporacións municipais de Santiago nestes 30 anos.

Unha Compostela de consenso
O alcalde rematou falando dos catro alcaldes homenaxeados. De José Antonio Souto Paz, lembrou "o seu rigor, coherencia e capacidade para o diálogo". Este, no seu discurso, falou da "vocación europea de Compostela", que tense convertido "na cidade extraordinaria que todos tiñamos soñado; unha cidade fermosa, moderna e verdadeiramente amable.

O seguinte en intervir foi Marcial Castro, de que Sánchez Bugallo destacou a súa "intelixencia e bo facer". O segundo alcalde da Democracia expresou a ilusión coa que accedera ao cargo nuns momentos difíciles, con feitos históricos como a aprobación do Estatuto de Autonomía, o golpe do 23-F ou a visita de Juan Pablo II.

A Ernesto Viéitez Cortizo cualificouno o alcalde coma "un home que aparcou o seu labor de gran prestixio profesional para dedicar a Santiago tempo e esforzo". El, pola súa parte, definiu como "fluído" o seu paso por Raxoi e lembrou algunhas anécdotas do seu breve mandato, como a súa primeira visita –do embaixador de Canadá- ou un voo en globo.

Finalmente, recolleu o seu pergameo Xerado Estevez Fernández, a quen Sánchez Bugallo cualificou coma "un gran alcalde do que me sinto discípulo e continuador do proxecto de cidade". El falou dos compoñentes das corporacións democráticas coma "os tecedores que fixeron o tecido da cidade de Santiago" e aludiu a esta homenaxe coma "un punto de emoción para todos nós". Ademais, destacou varias etapas ou denominadores comúns destes 30 anos: o inicio, implantación e fortalecemento da democracia; a implantación da capitalidade; o consenso e a presenza ecuménica no mundo.

Concerto e acto final
A continuación, os participantes no acto dirixíronse ao Auditorio para asistir ao concerto da Real Filharmonía de Galicia coa soprano Mélanie Diener. Antonio Ros Marbà dirixiu á orquestra nun concerto no que se interpretaron obras de Wagner, Strauss e Ravel.

Para rematar cos actos, o xoves 23, ás 20:00 horas, presentarase no auditorio do Museo do Pobo Galego o libro La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. O acto contará cunha actuación musical.

Compartir: