CIDADE HISTÓRICA

Comeza a fase de difusión e comercialización do acceso a internet a través da rede Wimax

29/01/2009 Rematado a finais de 2008 o despregue da Rede Wimax do Casco Histórico iCompostela, e concluídos os axustes técnicos para a súa posta a punto, a Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica vai desenvolver unha campaña informativa para dar a coñecer entre a veciñanza as características da Rede e os servizos aos que, dende xa, poden acceder.

A Rede Wimax do Casco Histórico iCompostela é un proxecto piloto, desenvolto ao abeiro do Plan Avanza-Programa Cidades Singulares. Con el preténdese utilizar esta tecnoloxía sen fíos, que minimiza os impactos visuais e doutro tipo, para ampliar e mellorar os servizos de banda ampla residenciais na Cidade Histórica, introducindo unha nova oferta: a da empresa que se encarga da xestión, mantemento e explotación desta Rede Wimax.

Conexión en mobilidade, xeolocalización e información textual
Entre os servizos que a cidadanía pode utilizar dende xa destacan a conexión en mobilidade e a xeolocalización e información contextual. Conexión en mobilidade a través da Rede Wifi despregada nas prazas das Praterías, Quintana, Toural, Abastos, Fonseca, Obradoiro, Cervantes, Porta do Camiño, Universidade, Mazarelos e no Parque de Belvís. Trátase dun servizo gratuíto de cortesía –axustado ás limitacións que sobre a gratuidade impón a Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións- que permite un acceso gratuíto a Internet a través de iCompostela durante 15 minutos. A conexión gratuíta pode restablecerse durante outros 15 minutos ao cabo de dúas horas.

Xeolocalización e información contextual, nas Prazas do Obradoiro, A Quintana, Praterías, Toural e Fonseca. A base do sistema é un servidor que se comunica cos terminais de usuario. A aplicación que se executa nestes terminais monitoriza o sinal que emiten varias fontes de radio na contorna para calcular a posición do usuario e, en base ao nivel de sinal recibido de cada fonte, transmitir a información. Este nivel é proporcional á distancia, o que permite realizar estimacións cunha marxe de erro teórico inferior a 10 metros.

No lado do usuario, o sistema funciona nun terminal tipo PDA con Windows Mobile. Na vista inicial, esta aplicación permite dúas opcións principais: mostrar a localización propia estimada polo sistema, ou obter información asociada (monumentos, servizos....) á zona na que nos atopamos. A proximidade dun elemento de interese, como pode ser, por exemplo, a Catedral de Santiago, permite acceder a información sobre a Catedral, tanto en "modo texto" (opción "Información") como en "modo gráfico" (opción "Recursos").

Explotación da conectividade a Internet en domicilios
A explotación da conectividade a Internet en domicilios, conforme co establecido no prego que rexeu a contratación da Rede Wimax e na lexislación vixente, corre por conta dunha empresa concesionaria. Esta empresa ofrece dous tipos de contrato: Névoabase e Névoaplus. Ademais, os usuarios tamén poden conectarse a través dun sistema de bonos de 1, 2 ou 6 horas, que poderán consumir en períodos alternos dentro dos seguintes 30 días á súa contratación. Así mesmo, tamén existe a posibilidade de contratar bonos por días: 1, 7, 15 ou 30 días ou un mes, non alternos.

As persoas interesadas en obter máis información ou contratar os servizos de pagamento teñen que se dirixir á empresa concesionaria a través do teléfono 981 909 175 (De luns a venres en horario de 9.00 a 18.00h) ou da páxina web www.baudia.es. Proximamente procederase á distribución de folletos en castelán e inglés con toda esta información.

Documentos relacionados



Compartir: