ALCALDÍA

Santiago adhírese ao programa Thao Saúde Infantil

18/12/2008 Santiago será a primeira cidade galega que poña en marcha o programa Thao Saúde Infantil. Esta iniciativa ten como obxectivo a prevención da obesidade nos máis novos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou este programa, que se realiza no ámbito dos municipios, con accións continuadas durante catro anos destinadas a promover un estilo de vida saudable. O Programa Thao elixiu Santiago como urbe piloto en Galicia para comezar a segunda fase dos seus traballos, á que se incorporarán unhas 20 novas cidades de toda España. Uniranse así as cinco escollidas inicialmente en 200.

Dende o mes de xuño en que se asinou a carta de adhesión, Santiago xa se ten incorporado algunhas das actividades realizadas por este Programa. Nas mesmas promóvense hábitos de alimentación saudables, educando e familiarizando aos nenos de xeito lúdico, na diversidade, no sabor dos alimentos e na boa elección. Ao mesmo tempo, estimúlase nos nenos o hábito da actividade física -non só a deportiva-, os xogos activos e a participación lúdica e social. Todas estas accións serán avaliadas anualmente.

En palabras do alcalde, trátase de "diagnosticar o problema" e de traballar para "cambiar hábitos" de alimentación e de exercicio físico. Por iso, non só se trata de concienciar aos nenos, senón tamén aos pais, apuntou. Recordou o traballo que, nese sentido, xa se realiza as escolas e centros infantís da cidade, co comedor escolar e co programa de madrugadores.

Nesa necesidade de cambiar estilos de vida e condutas insistiu o xefe de Pediatría do CHUS, Rafael Tojo, en representación do Comité Científico do Programa Thao. Así, o Programa céntrase en tres eixes: detectar o estado nutricional, mellorar os hábitos de alimentación e corrixir a inactividade dos nenos. Alertou sobre o perigo de que a obesidade faga que a actual xeración de rapaces chegue a ter unha menor calidade e esperanza de vida que a anterior.

Un problema de saúde pública
Aos problemas xerados pola obesidade referiuse o director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, Ramón Medina. Segundo indicou, a mala alimentación, o sedentarismo e o tabaco son as principais causas de enfermidades. Achegou como dato que o 62% da poboación galega sofre ou morre por enfermidades cardiovasculares e cancro. Dos afectados polas primeiras, en ata nun 36% podería retardarse a súa presenza.

Medina ve no programa unha oportunidade para "sumar esforzos para multiplicar resultados". A ese esforzo súmase tamén a USC, que puxo como exemplo un dito africano que afirma que "para educar un neno fai falta unha tribu enteira". "Neste caso –dixo- súmase un concello enteiro", coa implicación de diversas institucións como a Xunta ou a propia USC.

Programa transversal
A concellería responsable do Programa é Concellería de Sanidade. Pero por mor das características do proxecto e polo seu carácter transversal, participarán no mesmo outras Concellerías, cunha especial implicación das concellerías de Educación e Deportes.

A cota anual por participar no programa ascende 10.000 euros. Ademais, contratarase unha asistencia técnica para coordinar as tarefas relativas aos compromisos adquiridos polo Concello coa súa participación no Programa Thao. Na execución do Programa en Santiago colaborará o catedrático e xefe do servizo de pediatría do CHUS, Rafael Tojo, á súa vez membro do Comité Científico do Programa Thao.

Tamén está prevista a colaboración da USC, especialmente na parte científica. De feito, o doutor Tojo pertence ao Comité Científico Nacional do Programa Thao, e tanto el como a doutora e profesora Rosaura Leis foron designados como asesores científicos da USC para o Programa. A través da USC realizaranse as medicións e seguimento dos nenos nos colexios para cumprir coa parte científica do programa.

Nesta iniciativa tamén participa o empresariado local, establecéndose xa un primeiro contacto coa Asociación de Empresarios do Tambre e tamén coa Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela. A nivel institucional tamén se pechará un acordo de colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia. Estes patrocinios virán a complementar os xa asinados polo programa a nivel nacional.

Documentos relacionados



Compartir: