ALCALDÍA

O Concello achega máis de 100.000 euros a cinco proxectos sociais

11/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou cinco convenios de colaboración con outras tantas asociacións do ámbito sociosanitario por un importe global de 109.051 euros. Trátase de Cáritas Interparroquial, Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home; Cruz Vermella e Cáritas Diocesana.

No acto de sinatura destes convenios, o alcalde destacou o compromiso do Concello con estas e outras asociacións do ámbito sociosanitario, polo importante labor que realizan. Neste sentido, apuntou que as únicas axudas que medran a súa contía son as de atención social e as destinadas á creación do emprego. En 2008 destináronse 200.000 euros a estas axudas sociais e a cifra incrementarase en 2009, indicou Sánchez Bugallo.

Pola súa parte, todos os representantes das organizacións agradeceron ao Concello as axudas. Resaltaron a oportunidade destas achegas nun momento difícil dende o punto de vista económico e que, sen estas axudas, non se poderían realizar algúns dos seus programas.

Cáritas Interparroquial
O convenio asinado con Cáritas Interparroquial ten como obxecto a colaboración para o desenvolvemento do programa de Atención Primaria. Este é un servizo no que se atenden todo tipo de necesidades e a persoas de todas as idades e colectivos. Os colectivos máis abundantes son os marxinados sen fogar e transeúntes, familias, inmigrantes, emigrantes retornados, minorías étnicas, xoves, mulleres... cos que tanto a traballadora social como o administrativo de Cáritas realizan actuacións de seguimento de casos, tramitación de prestacións, visitas domiciliarias, facilitan información, valoración, orientación e asesoramento, derivación, busca de emprego...

Nalgunhas ocasións estas atencións teñen que ir acompañadas de prestacións económicas que se reparten principalmente en alimentación, medicamentos, alugueiros /pensións, recibos de luz, auga e gas, desprazamentos…O Concello achega 35.000 euros grazas a este convenio.

Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home
No caso do Proxecto Home, a colaboración establécese no Programa de Cocaína. Está dirixido a persoas consumidoras fundamentalmente de cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou é susceptible de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións.

O obxectivo xeral é que o usuario adquira unha motivación progresiva que se inicia na abstinencia e se fortalece na adquisición dun estilo de vida saudable e satisfactorio que lle permita un equilibrio no seu mundo sen necesidade dun illamento temporal. O Programa componse de tres etapas: a primeira etapa cunha duración de entre 5 e 6 meses, a segunda tamén entre 5 e 6 meses e a terceira de 7 meses aproximadamente de duración. A contía da axuda municipal é de 29.751 euros.

Asociación Cultural-Social Xoán XXIII
O Concello colabora coa Asociación Cultural-Social Xoán XXIII no servizo de acollida durante a noite para transeúntes. Este servizo funciona durante todo o ano, nun local dotado de camas repartidas en varias habitacións e cunha sala con aseos incorporados, onde os chamados "sen teito" poden pernoctar, ofrecéndoselles un aloxamento temporal durante sete noites, e onde dispoñen de medios para ter aseo persoal, lavado e pranchado de roupa, así como axuda-orientación.

Esta colaboración municipal esténdese tamén a outros servizos complementarios que ofrece o albergue: servizo de duchas de mañá, servizo de lavandería, servizo de roupeiro, complemento alimentario e servizo de consigna para gardar equipaxes. A achega total do Concello é de 13.300 euros.

Cruz Vermella
Respecto a Cruz Vermella, a colaboración establécese nas seguintes iniciativas: Proxecto de alfabetización de adultos, Proxecto de lecer e tempo libre con persoas maiores, Programa Servizo Integral Emprego (S.I.E), Intervención en emerxencias, Servizos preventivos, Proxecto de Centro de Mediación Social e Proxecto de prevención de condutas violentas en xoves no ámbito escolar.

Destes programas benefícianse diferentes colectivos de distintas idades e necesidades.O Concello achega 11.000 euros para estas iniciativas.

Cáritas Diocesana. Programa Vagalume
Finalmente, a colaboración con Cáritas Diocesana fixase para o programa "O Noso Lar". No piso de acollida con este nome ofrécese resposta ás mulleres que, vivindo ou tendo vivido en contextos de prostitución, pasan por unhas especiais dificultades ou, por unha situación de risco, que impiden a súa autonomía. Isto require intervención específica e dun aloxamento seguro.

Este proxecto intégrase dentro do programa de atención especializada á muller excluída ou en risco de exclusión social "Vagalume". O Concello concede 20.000 euros para levalo a cabo.

Asinaron os respectivos convenios o director da Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Padre Frei Francisco J. Honrubia Bonnín; o presidente da Asemblea Local de Cruz Vermella, Rufino Constantino Pérez Outes; o director de Cáritas Diocesana, José Severino Montes Pérez (dous convenios para dous programas diferenciados); e o presidente do padroado da Fundación Monte do Gozo, José Antonio Seoane Ares.

Compartir: