TURISMO

Comeza Curtocircuíto na Rúa

02/07/2008 O xoves 3 de xullo dá comezo Curtocircuíto na Rúa, o ciclo de curtas que organiza o festival Curtocircuíto. A Praza do Toural acollerá a primeira das proxeccións, unha selección das curtas gañadoras da IV edición de Curtocircuíto. Reunirá curtas de Líbano, Sudáfrica, Italia, Francia, Reino Unido e tamén se proxectarán dúas curtametraxes galegas: Cousas do Kulechov e Historia da Arte.

En caso de choiva, Curtocircuíto na Rúa trasladarase á Praza de Abastos. Calquera cambio que se produza anunciarase a mañá do xoves 3 na páxina web do Festival: www.curtocircuito.org.

Os espectadores que acudan ás proxeccións poderán decidir, a través das súas votacións, a curta gañadora do Premio do Público, valorado en 1.600 euros máis trofeo, que se concederá na Gala de Entrega de Premios, o 24 de outubro

Curtocircuíto na Rúa converterá as prazas do Casco Histórico de Santiago de Compostela en salas de cinema nas que, os xoves de xullo e agosto, proxectarase unha serie de 7 programas temáticos que reunirán máis de 60 curtametraxes de todo o mundo e que rematará o 28 de agosto cun concerto na praza da Quintana no que se mesturará a música do DJ Ollie Teeba, do selo discográfico británico Ninja Tune, coa videocreación en directo.

Documentos relacionados



Compartir: