CULTURA

Compostela presenta a súa candidatura ao programa europeo Sudoe Interreg IV-B

27/06/2008 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, fixo pública a candidatura de Santiago de Compostela ao Programa Sudoe Interreg IV-B, de apoio a proxectos transnacionais do sudoeste europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto proposto pola Concellaría de Cultura recibe o nome de Culturxest. Pretende atender ás necesidade de interconexión por rede telemática dos distintos centros socioculturais existentes na cidade.

Para acadar este fin, o programa ten previstas dúas fases. Nunha primeira diagnosticaranse os niveis actuais de calidade e de servizos prestados á cidadanía a través das ferramentas de xestión informática dos centros socioculturais. Neste período de análise prestarase especial atención a aqueles sistemas informáticos baseados en software libre e aos mecanismo existentes para resolver problemas de seguridade de datos.

A partir desta diagnose procurarase a mellora dos servizos en liña ofertados ao público, no tocante ao seu deseño, a accesibilidade ao mesmo de todo tipo de públicos ou a facilidade de navegación, niveis de actualización e integración en webs municipais.

Para o acceso a esta axuda, o Concello de Santiago conta con tres socios transnacionas da rexión sudoccidental europea: a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave, a Câmara Municipal de Palmela e o Syndicat Mixte du Pays Marennes Olèron.

O orzamento total do proxecto ascende aos 823.410 euros, dos cales se solicita ao programa Sudoe o 75%: uns 620.000 euros. Desta cantidade total, a repercusión directa na cidade de Compostela sería de case 300.000 euros. A resolución do proxecto estímase para fins de 2008 e, de concederse a subvención, desenvolverase no período 2008-2010.

Documentos relacionados



Compartir: