MULLER

O Concello homenaxea a oito mulleres das ciencias humanas e sociais

06/03/2008 Con motivo da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, o Concello vai homenaxear a oito mulleres do ámbito das ciencias humanas e sociais. Será o mércores 12 de marzo, ás 20:30 horas, nun acto no Hostal dos Reis Católicos.

Esas oito mulleres serán as principais protagonistas dun acto de homenaxe que, segundo a concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, "pretende face visible o labor destas mulleres dedicadas á investigación e á ciencia". Trátase de recoñecer o traballo destas mulleres, que xogan un papel decisivo na xeración de coñecemento e, á vez, salientar a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia.

As homenaxeadas, das que se adxunta o seu currículum, son: Montserrat Villarino Pérez, Margarita Ledo Andión, Margarita Santos Zas, María Paz García Rubio, Mª Ángeles Luengo Martín, María Xosé Rodríguez Galdo, María Xosé Agra e Dulce Estefanía Álvarez.

En 2008, o recoñecemento céntrase nas ciencias sociais, mentres que en 2007 as homenaxeadas pertencía ao ámbito das ciencias experimentais. Entón as premiadas foran: María Isabel Cadavid Torres, Carmela Capeáns Tomé, María Tarsy Carballas Fernández, María Graña Barcia, María Victoria Lareu Huidobro, Josefina F. Ling Ling, María Cruz Mato Iglesias, María Inmaculada Paz Andrade e María del Carmen Porto Vázquez.

Premio Xohana Torres
Neste ámbito de recoñecemento á muller tamén se inclúe a entrega do Premio Xohana Torres, inicialmente prevista para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, pero que se retrasou para o martes 11, por coincidir co día de reflexión das Eleccións Xerais. Este galardón premia o mellor traballo de investigación referido a calquera aspecto social, histórico ou humano da muller dentro de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: