FESTAS

As entradas para o espectáculo de Ángel Corella e as estrelas do American Ballet xa están á venda

13/07/2005 Con motivo do cuarto centenario da publicación de El Quijote, o prestixioso bailarín Ángel Corella presentará en Compostela a suite "Don Quijote". Corella estará acompañado por dez estrelas do American Ballet Theatre (ABT), compañía á que pertence e unha das máis prestixiosas do mundo.

O vindeiro 5 de agosto, como peche dos actos das Festas do Apóstolo, estará en Compostela o bailarín español afincado en Nova York Ángel Corella e as estrelas do "American Ballet", entre as que se atopan a súa irmá Carmen e o tamén español Jesús Pastor. Corella e os seus bailaríns amosarán un espectáculo que combina o ballet clásico co neoclásico e o contemporáneo. O espectáculo terá lugar ás 22 horas na Praza do Obradoiro, e as entradas xa están á venda na web de Caixanova, a prezos de 35, 25 e 15 euros.

Na primeira parte do espectáculo, os bailaríns representarán varias pezas de diferentes coreógrafos, entre outros, de George Balanchine, un dos artistas renovadores do ballet.

Durante o segundo acto, Corella e as estrelas do ABT poñerán en escea a suite dedicada ao Quijote, que recopila as partes máis virtuosas do Ballet de Don Quijote, que reúne tres dos momentos máis espectaculares dos tres actos da coreografía de Marius Petipa-Gorsky.

Ángel Corella leva máis de dez anos fóra de España, traballando e actuando por todo o mundo con gran éxito de público e crítica.

Compartir: