DEPORTES

Tempo para aprender a patinar sobre xeo

09/01/2008 O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou a Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo. Desenvolverase do 10 ao 22 de xaneiro, en horario de mañá, na pista de xeo instalada no recinto feiral de Amio.

A Concellaría de Deportes convidou aos centros de ensino da cidade a sumarse a esta iniciativa, destinada a alumnos dende 3º ciclo de primaria ata 4º de secundaria. A actividade organizarase a través de tres quendas por día, en horarios de 10:00, 11:15 e 12:30 horas.

Os que participen na campaña aprenderán as técnicas básicas da patinaxe sobre xeo, coñecerán as diferentes modalidades desta disciplina e tamén poderán saber como conservar o material. Haberá exercicios de equilibrio e deslizamentos, de técnica básica de patinaxe cara adiante e cara atrás, de técnica de freada e xogos aplicados.

Esta iniciativa pretende aproveitar a grande afección xurdida entre os máis novos pola patinaxe sobre xeo, a partir da instalación en anos sucesivos dunha pista de xeo. De feito, cada ano vén prolongándose a presenza da pista por máis días ante a alta demanda. Este ano xa pasaron pola pista de xeo 11.000 persoas.

Todos os cidadáns teñen aínda ata o 20 de xaneiro para gozar da pista de Amio. O prezo da entrada é de cinco euros e inclúe o acceso ao xeo durante unha hora máis o aluguer dos patíns. É obrigatorio o uso de guantes.

Os que se queiran achegar ata a instalación sen utilizar o coche, poden facelo nos autobuses urbanos das liñas C1 e C2, ou na liña 1 (que circula os sábados pola tarde, domingos e festivos). O horario de apertura da pista é o seguinte: de domingo a mércores de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas; de xoves a sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas.

Na presentación desta iniciativa, o concelleiro de Deportes estivo acompañado por Santiago López Cuadrado, xerente de XADE, empresa responsable da organización do evento.

Documentos relacionados



Compartir: