TURISMO

As pernoctacións do primeiro semestre de 2007 superan ás de todos os anos precedentes

13/07/2007 As 389.641 noites de aloxamento facturadas polos hoteis composteláns no primeiro semestre do 2007 superan ás de todos os anos precedentes, sen excepción, dende o 2004. Isto supón unha media de ocupación hoteleira dun 46,74%. Así se desprende dos datos sobre este período presentados polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

De acordo cos datos facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, esta cifra do 46,74% supera en catro puntos a lograda no mesmo período do ano 2006 e en case dous puntos a do ano 2005.

Máis contundentes aínda son as cifras referidas ás noites efectivas de aloxamento. Nos seis primeiros meses do 2007 producíronse 389.641 pernoctacións, isto é, 33.935 máis que no mesmo período do 2006 e 55.004 máis que no mesmo período do 2005. A cifra do 2007 supera incluso en 35.363 noites a marca rexistrada no Ano Santo.

Máis pasaxeiros en Lavacolla
O aeroporto de Santiago acumula un movemento de 769.887 pasaxeiros nos cinco primeiros meses ano 2007, (a falta de coñecer os datos do mes de xuño), fronte ós 746.001 do mesmo período do 2006.

A diferenza de 23.886 pasaxeiros supón un crecemento do 3,2% respecto aos mesmos 5 meses do ano 2006 e do 11,1% respecto ao 2005. O crecemento é de 23,9% sobre os meses equivalentes do Ano Santo 2004.

Por outra parte, no primeiro semestre do ano produciuse un leve descenso do 2,6% na entrada de autocares á Dársena de Xoán XXIII. O total de 4.521 vehículos é tamén menor que o rexistrado no 2005, ano respecto ao cal se produce un descenso do 4,2%.

Consultas nas oficinas municipais de turismo
As 56.370 consultas recibidas polas oficinas municipais no primeiro semestre deste ano representan un lixeiro descenso do 6% en relación co mesmo período do 2006.

Sen embargo, como fenómeno paralelo destaca o aumento de arredor dun 20% nas consultas non presenciais neste período, o que indica que moitos visitantes prefiren documentarse con antelación pola vía do por correo electrónico e mailo teléfono.

Ao total de consultas presenciais contribúen os visitantes estranxeiros cun 57,4% e os nacionais cun 35,3%, mentres que o restante 7,3% corresponde aos propios composteláns. Isto confirma a tendencia do crecemento do turismo estranxeiro dentro da composición das consultas, pois no primeiro semestre do 2006 representaban o 54,5%.

Por orixe, lideran as consultas este semestre Reino Unido co 18,26%, Alemaña (17,73%), Italia (11,7%), Francia (11,15%) e Portugal (4,9%).

En relación cos seis primeiros meses do 2006, destaca o incremento das consultas procedentes de Reino Unido (+32,17%), Irlanda (+71,%), e Finlandia (+225 %), de entre os países situados entre os 10 primeiros postos. Polonia tamén experimentou un crecemento espectacular, cunha suba do 100% nas consultas.

Desde 2005, os incrementos máis notábeis experimentáronos Reino Unido (+78,8%), Alemaña (+50,22%) e Italia +94%), todos eles destinos cos que Santiago ten enlaces directos a través de compañías aéreas de baixo custe.

As comunidades que encabezan a táboa de visitantes nacionais son, como é tradicional, Madrid (19,76%), Cataluña (14,22%) Galicia (10,98%), Andalucía (9,75%) e País Vasco (9,02%).

Páxina web
A páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com rexistrou 390.396 accesos no primeiro semestre de 2007.

Isto representa un crecemento do 15,87% sobre o mesmo período do 2006 (336.922 accesos), e de máis dun 91,3% en relación co ano 2005 (203.989 accesos).

Neste período foron visitadas un total de 2.148.680 páxinas de www.santiagoturismo.com . As seccións máis visitadas foron a Portada (12,34%), seguida de Visitar Santiago (5,27%), Cidade (4,66%), Servizos Turísticos (2,44%) y O Camiño de Santiago (2,38%).

A porcentaxe de usuarios recorrentes está no 35,86% no primeiro semestre do 2007, fronte a unha porcentaxe de novos usuarios, que visita a web por primeira vez, situada no 64,14%. Por orixe, a maioría dos usuarios acceden á web de SantiagoTurismo a través de motores de busca (o 73,24% procede de google), pero tamén o fan de forma directa (15,63%) ou outros sitios web de referencia, como a páxina web do Concello de Santiago (11,13%).

Documentos relacionados



Compartir: