CULTURA

A concellería de Cultura achegará 48.000 euros para o desenvolvemento de actividades na Sala Nasa

01/06/2005 A concellería de Cultura vén de asinar un convenio de colaboración coa Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa a través do cal o Concello achegará 48.000 euros co fin de axudar a producir, promover e difundir a cultura e a creación.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e Miguel García, en representación da Sala Nasa, asinaron un convenio de colaboración a través do cal o Concello, cunha achega de 48.000 euros, contribúe á tarefa de promover "unha cultura en proceso, creativa e participativa para que a cidade teña entidade como núcleo de produción artística e non só como receptora de grandes espectáculos culturais, e que desexa mellorar a xestión dos recursos, infraestruturas e valores existentes en Compostela", segundo se recolle no propio texto do convenio.

En opinión de Néstor Rego, "a política cultural non pode ser só unha programación cultural nin a difusión de creacións foráneas, senón que ten que ter como eixo central o apoio e a difusión do propio". Así mesmo, a sinatura deste convenio quere ser un paso máis na labor da concellería de Cultura de "buscar sinerxías con entidades" e dinamizar a programación cultural da cidade.

Tanto Rego como Miguel García coincidiron en sinalar que a Sala Nasa constitúe un soporte axeitado para ofrecer aos creadores da cidade os servizos artísticos, técnicos e profesionais que precisen, de xeito que teñan os medios mínimos para crear. Miguel García destacou que este convenio supón o recoñecemento de que a Nasa "forma parte da cidade", e deste xeito, os cidadáns forman tamén parte do concello como institución.

A Sala Nasa, nos seus doce anos de traxectoria, foise conformando nun espazo cultural de referencia en Santiago, pero ademais constitúe unha sinal de identidade cultural e referente artístico a nivel galego e estatal.

Catro programas concertados

A sinatura deste convenio, o Concello e a Sala Nasa prevé a organización dunha serie de programas que implican labores de produción, apoio á creación, promoción de novos valores, difusión de novas linguaxes e canalización de intercambios artísticos.

Estes programas, que xa se veñen desenvolvendo desde o pasado ano son "Fanzinasa", espazo para o xénero musical e audiovisual; "Rock Cabo San Lourenzo", plataforma para os grupos de música composteláns; "A zona alternativa", para aquelas compañías de teatro e artistas que teñen un acceso máis difícil aos escenarios, e o ciclo "Portugal & Cía", que trae a Compostela a creadores portugueses e aposta por fuxir dos tópicos que se adoitan a ter sobre o país veciño. Para máis información sobre estes programas concertados dentro do convenio, pódese consultar o arquivo axunto.

Compartir: