XUVENTUDE

Volven as "Noites Alternas" con ducias de actividades de ocio nocturno alternativo para a mocidade

19/09/2023 Teatro, cociña, obradoiros artísticos, ou roteiros pola cidade. Son algunhas das propostas da nova edición de Noites Alternas, o programa de lecer nocturno alternativo para a mocidade, organizado pola Concellería de Xuventude en colaboración coa Asociación Xuvenil Itaca. O prazo de inscrición para as primeiras actividades, todas elas de balde, xa está aberto.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou a programación de "Noites Alternas", nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Chus Caramés e Sara Vieites, da Asociación Cultural e Xuvenil ITACA. A concelleira explicou que o obxectivo desta proposta é "apostar polo ocio saudable, pero tamén xerar dinámicas participativas entre a xuventude de Santiago, con propostas que tamén fomentan a creatividade e o espírito crítico dos mozos e mozas". Rozas aproveitou para agradecer o traballo de Itaca, "unha entidade que é referente en Compostela despois de máis de corenta anos de historia, que axuda a facer comunidade promovendo valores como os da igualdade, a defensa do medio ambiente ou o pacifismo; e que é exemplo de colaboración con outras asociacións da cidade e, como é este caso, coa institución municipal".

Tal e como explicaron Chus Caramés e Sara Vieites, "as actividades programadas xorden dun proceso participado, no que se recollen as ideas da propia mocidade". Este ano, Itaca recolleu máis dun cento de propostas diferentes, e as que se inclúen no programa son aquelas que tiveron máis apoio entre os mozos e mozas.

As "Noites alternas" celebraranse en xoves e venres alternos, desde o 21 de setembro ata o 1 de decembro, sempre en horario entre as oito da tarde e as doce da noite. As primeiras propostas, este mesmo xoves, serán un obradoiro de xoiería e arte en resina a cargo de Marabillarte, na sede de Itaca; a obra de teatro "Falta Esperanza", con Oísteis Teatro, no Centro Xove da Almáciga; e unha actividade para dar a coñecer o xogo da billarda, con Gundar da Pena no parque de Belvís.

Xa no venres 22, haberá un roteiro "pola Compostela máis rebelde", guiado por Pablo Domínguez Loidi e que sairá da praza do Toural; un obradoiro de cociña con Tareixa Martínez no local sociocultural das Brañas de Andrés; e un obradoiro sobre autorretrato, con Verónica Ramilo, na sede de Itaca.

Para as actividades do xoves e do venres, xa está aberto o prazo de inscrición, a través do formulario en liña que se pode atopar na web itaca.gal e nas redes sociais. As prazas, que son limitadas, asígnanse por orde de inscrición, con preferencia para as persoas de 16 a 35 anos.

Toda a información sobre as Noites Alternas e as actividades programadas pódense consultar na web de Itaca.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: