DEPORTES

Santiago acolle a 10ª edición das Marchas Ciclistas Unificadas para persoas con e sen discapacidade intelectual

21/09/2022 A marcha, organizada por Special Olympics Galicia en colaboración co Concello de Santiago e unha ampla lista de entidades e empresas, chegará o día 1 de outubro a Compostela despois de percorrer as localidades de Baños de Molgas (Ourense) e Friol (Lugo). O obxectivo desta marcha e favorecer a inclusión do colectivo a través do deporte.

A partir do vindeiro 29 de setembro, a inclusión volve a percorrer as rúas galegas grazas á Marcha Ciclista Unificada organizada por Special Olympics Galicia, e na que participarán conxuntamente persoas con e sen discapacidade intelectual de toda a Comunidade. O programa desta actividade foi presentado esta mañá no Concello de Santiago de Compostela, coa participación da concelleira de Deportes Esther Pedrosa, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o xerente da Asociación ASPAS, Javier García, e un dos deportistas da Asociación ASPAS, Jesús Cabo.

Esta marcha ciclista chega este ano á súa 10ª edición, e novamente percorrerá as 4 provincias galegas. A primeira ruta será a través da localidade ourensá de Baños de Molgas, continuando o día 30 de setembro en Friol, o día 1 de outubro en Santiago de Compostela e rematará o día 2 de outubro en Vilagarcía de Arousa. Catro días de ciclismo inclusivo que nesta ocasión contará coa participación de 7 entidades da discapacidade intelectual a través das diferentes xornadas. Estas entidades son PRODEME (Monforte de Lemos), ASPANAS (Ourense), AS BURGAS (Ourense), ASPAS (Santiago de Compostela), CHAMORRO (Narón), ASPRONAGA (A Coruña) e CON ELES (Vilagarcía).

A etapa de Santiago terá nunha percorrido de 19 quilómetros e contará coa participación de 40 deportistas que partirán da praza do Obradoiro o vindeiro sábado 1 de outubro ás 11:30 h, tras o acto de inauguración que comezará ás 10:45 h.

A concelleira Esther Pedrosa salientou que esta cita "é xa un referente da inclusión no ámbito deportivo e reflicte a diversidade e pluralidade da nosa sociedade, que tamén debe estar presente neste eido". Tamén reiterou o compromiso do Concello e o seu propio para axudar a "derrubar eses muros que aínda existen na práctica deportiva e noutros ámbitos sociais", xa que "é un deber que temos coa sociedade á que, como políticos, representamos".

Special Olympics Galicia

Special Olympics Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, formada por pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual.

A asociación nace no ano 2000, por acordo de 17 entidades das diferentes provincias galegas, e co fin de conseguir a inclusión social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual,mediante a cultura, a práctica depotiva, o lecer e calquera outra actividade que promova a participación das persoas con discapacidade intelectual na vida comunitaria nun entorno normalizado.

Para isto, organizans e coordinan as actividades deportivas, lúdicas e culturais das diferentes entidades de persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: