ALCALDÍA

Festa do Banquete de Conxo 2022

21/04/2022 O programa da Festa do Banquete previsto inicialmente para o día 22 de maio e aprazado con motivo das condicións metereolóxicas desfavorables, terá lugar finalmente este domingo 29 de maio.

O domingo 29 de maio será o día central das Festas, que arrancará ás 11:00 h co desfile teatral "Alá van estudantes e artesáns", un percorrido desde a Praza do Toural ata Conxo que será seguido na propia carballeira polo pregón de apertura a cargo de María Dolores Domínguez (Madó) e Iria Portos e a actuación da Banda Municipal de Santiago. Ao longo da mañá intercalaranse as recreacións teatrais "Baixamos ao bosque de banquetes" e o propio Banquete de Conxo, representado por diferentes grupos de teatro da cidade baixo a dirección dos Quinquilláns.

Pola tarde celebrarase "O serán da Fraternidade", unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa a cargo do escritor Suso de Toro.

Para o xantar, os participantes na romaría poden traer a súa propia comida e bebida da casa, ou mercala nos foodtrucks instalados na rúa Ramón Baltar para levar á Carballeira.

Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 29 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición "Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo" que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.

Tren do Banquete de Conxo
O domingo 29, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. As horas de saída desde a Alameda (parada "Aurelio Aguirre", situada na avda. de Xoan Carlos I, onde a igrexa do Pilar) serán a cada hora en punto desde as 11:00 h ata ás 19:00 h e desde a praza de Martín Herrera (parada "Rosalía de Castro") de 11:30 a 19:30.

Como podes participar?

1- Podes sumarte ao desfile teatral de estudantes e artesáns do domingo 29 de maio da Praza do Toural a Conxo.

2- O domingo 29 de maio haberá un Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional ao que podes acudir co teu grupo de música ou baile.

3- Na romaría popular vestíndote de época para a Festa do Banquete ou xantando na carballeira a comida que traias da casa ou merques nos foodtrucks que atoparás na Rúa Ramón Baltar ou na Carballeira de Conxo.

Compartir: