SEGURIDADE E MOBILIDADE CIDADÁ

Quinto ano consecutivo sen falecidos nas estradas de Santiago

15/03/2022 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, acompañado polo inspector da Policía local José Antonio Pena, presentou esta mañá en rolda de prensa o balance de actuacións da Policía Local no ano 2021, que rematou sen contabilizar ningún falecido en accidente de tráfico, unha tendencia que se mantén por quinto ano consecutivo, desde o 2017.

O concelleiro de Seguridade Cidadá salientou a redución progresiva no número de accidentes de tráfico desde 2017 (sen contar o ano da pandemia) ao que se suma o feito de que nestes últimos cinco anos non hai que lamentar ninguna vítima mortal. Así, no ano 2021 rexistráronse un total de 443 accidentes, que se saldaron con 15 feridos graves, 94 leves e ningún morto. A meirande parte destes percances, 350, revestiron só danos materiais. 37 deles foron atropelos; 179 consistiron en colisións; 17 remataron con saídas de vía; e 210 foron por outros motivos. A avenida de Lugo e a rúa do Hórreo foron as rúas da cidade onde se produciron un maior número de incidentes (23 en cada unha) motivado, segundo o inspector Pena, por ser "as de maior volumen de circulación", aínda que os accidentes soen ser leves, "alcances, na súa maioría".

En 78 dos accidentes, os axentes da autoridade decidiron practicar probas de alcolemia, co resultado de 29 positivas (7 delas conlevaron denuncia administrativa) e 39 negativas. Tres persoas negáronse ao requirimento dos axentes. En canto ao control global do consumo deste tipo de bebidas, a Policía local realizou ao longo do ano 3.559 probas, das cales o 92,49% (3.292) foron negativas. Das positivas, 189 tramitáronse vía denuncia administrativa e 58 por vía penal. En total, 10 cidádans decidiron non someterse a esta proba.

En relación co consumo de drogas, practicarónse 252 probas, das cales algo máis da metade (55,56%) ofreceron un resultado negativo. Das 112 positivas, 110 tramitáronse por vía administativa. As substancias con máis presenza foron o cannabis (42,24%) e a cocaína (40,99%), seguidos a distancia dos opiáceos (5,59%), metanfetamina (4,97%) e anfetamina (6,21%).

Controis

Ademais dos mencionados de alcol e drogas, a Policía local levou a cabo, en colaboración con outras administracións, controis do uso de teléfono móbil e outras distraccións (4.764 dos cales foron denunciados 83), do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil (1.186); de velocidade (12.506 dos cales terminaron en denuncia 202); de transporte escolar (79 inspeccións e 9 denuncias); e de transporte de mercadorías (257 controis e 9 infraccións).

Ocio nocturno

Ao longo do ano 2021, a Policía Local recibiu un total de 1.135 denuncias relacionadas co ocio nocturno, das cales 590 foron por ruídos en pisos e festas de estudantes, 30 por problemas na hora de peche dos locais, 497 por consumo de bebidas alcohólicas na vía pública de maiores de idade, e 18 menores de idade.

Educación viaria

Gonzalo Muíños tamén quixo agradecer ao departamento de Educación Viaria da Policía Local o seu "importante labor na concienciación da sociedade, especialmente coa xente máis nova". Así, durante este ano o departamento levou a cabo actividades de sensibilización ás que asistiron máis de 2.700 escolares de centros educativos do municipio. As campañas centráronse en temas como o uso da bicicleta ou do móbil no vehículo.

Vioxén

Dende o 1 de outubro de 2020, a Policía local está prestando servizos no marco do programa Vioxén de atención a vítimas de violencia machista. No ano 2021, a esta unidade fóronlle asignados 58 vítimas e 61 agresores.

Documentos relacionados



Compartir: