DEPORTES E SEGURIDADE CIDADÁ

Máis de 130 pilotos participarán este venres e sábado na XXVII edición do Rally Botafumeiro

07/08/2019 O venres 9 e o sábado 10 de agosto, a comarca de Santiago acolle a XXVII edición do Rally Botafumeiro, organizado pola Escudería Compostela. 134 pilotos daranse cita nesta proba, decisiva para o Campionato de Galicia de Rally, que contará cunha primeira etapa especial no ámbito de San Lázaro. A cerimonia de saída terá lugar no Campus Vida.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, convidou a veciñanza e visitantes a "animar os pilotos en calquera dos tramos polos que discorrerá a competición". Serán case 300 quilómetros polos municipios de Santiago, A Estrada, Vedra, Boqueixón e Teo, dos que máis de 100 serán cronometrados.

Esther Pedrosa destacou a traxectoria dun rally "consolidado como unha das probas automobilísticas imprescindibles do ranking autonómico", e agradeceu á Escudería Santiago a súa aposta por esta proba.

Novidades nos tramos
Dos detalles do Rally Botafumeiro deu conta o director de carreira, Manuel Ramos, da Escudería Compostela, quen resaltou que a deste ano é unha edición con "bastantes modificacións no trazado", esixidas pola Federación Galega de Automobilismo. Unha desas novidades é que o treito espectáculo, que se desenvolverá nas inmediacións do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, se repetirá dúas veces.

Tamén salientou como novidade o lugar da cerimonia de saída, que este ano será o Campus Vida (avenida de Antonio Raimundo Ibáñez). Os vehículos sairán cada 30 segundos dende o Campus cara Amio a partir das 18:30 horas do venres.

"O sábado haberá tres treitos cronometrados, dos cales dous son totalmente novos, indicou Manuel Ramos. Estes tres tramos repetiranse tres veces ao longo da xornada, coa previsión de que en torno ás 21:00-21:30 horas se celebre a cerimonia de entrega de premios no recinto feiral de Amio.

Finalmente, o director de carreira anunciou que a edición de 2020 cambiará de datas, celebrándose na última semana de marzo.

Dispositivo de tráfico e seguridade
En canto ao dispositivo de tráfico, a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá en funcións, Mila Castro, indicou que por mor desta primeira etapa no ámbito de San Lázaro, entre as 19:00 e as 23:00 horas, aproximadamente, quedará cortado ao tráfico o acceso á avenida de Fernando Casas Novoa, dende a rúa de Clemente Fernández Sarela (facilitarase o acceso aos garaxes da zona) e dende a da rúa da Canteira de Arriba.

Tamén quedará cortado o acceso á avenida de Fernando Casas Novoa dende a rúa de Miguel Ferro Caaveiro, aínda que poderá usarse esta rúa para acceder ao vieiro SC-20 (avenida de Gonzalo Torrente Ballester) e viceversa, para que así non se vexan afectados os/as clientes dos establecementos hoteleiros da zona.

A concelleira apuntou tamén que seis axentes da Policía Local velarán pola seguridade no desenvolvemento da proba e polo cumprimento das normas de tráfico, tanto no entorno onde se realiza a cerimonia de saída coma nos accesos á zona de celebración do devandito tramo de carreira no ámbito de San Lázaro.

Direccións relacionadas



Compartir: