POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago reunirá persoas expertas de todo o Estado para abordar a situación das persoas sen fogar

21/11/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá en rolda de prensa a xornada Abordaxe do senfogarismo en Compostela: Estado da situación e plans de acción, que se celebrará o vindeiro xoves 29 de novembro, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos s/n). Na rolda estivo acompañada pola psiquiatra Lucía del Río.

A xornada está organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago de Compostela e a Mesa de Traballo para o estudo da Situación das persoas sen teito-transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

Concha Fernández, explicou que "esta terceira xornada ten como obxectivo continuar coa filosofía das dúas edicións anteriores, amosando experiencias galegas e estatais sobre recursos específicos destinados ás persoas sen fogar, nesta ocasión poñendo o foco na vivenda e dende unha perspectiva multisectorial, da man de persoal técnico de diversas áreas e entidades". Afondando no tema da vivenda, a concelleira apuntou que "Santiago sofre unha turistificación e iso ten un impacto negativo no acceso e na calidade da vivenda" e neste sentido recalcou que "os poderes públicos temos que garantir os recursos para que as persoas accedan a unha vivenda digna". Por ultimo, sinalou que, con esta cita, o Concello quere "consolidar na cidade un espazo para o intercambio de experiencias sobre esta problemática".

A edila anunciou que durante a xornada será presentado o Plan Municipal de Atención Integral ás Persoas en Situación de Senfogarismo, liderado por Miguel Vieito e inspirado polas estratexias vascas, que é o lugar da Península onde se está facendo un traballo máis valioso nesta materia. Para falar de como se está tratando este tema en Euskadi, participará na xornada o director de Servizos Sociais do Goberno vasco, Emilio Sola Ballojera, que presentará as liñas da Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar 2018-2021.

A concelleira estivo acompañada por Lucía del Río, psiquiatra e asesora técnica do Concello na planificación do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, que falou do labor de documentación e investigación que está desenvolvendo para deseñar o centro de Santiago e despois de visitar 13 centros en todo o Estado, a asesora conclúe que "os centros grandes, os antigos albergues, están desaparecendo e o que xorden son alternativas de atención psicosocial máis personalizadas para que as persoas poidan contar con instalación e recursos o máis parecidos posible aos que ten unha casa propia." Lucía del Río engadiu que neste proceso tamén se decataron de que non se poden tratar nun só centro todos os ámbitos que desembocan no senfogarismo. Dende esta óptica, o centro de Santiago pretende "vertebrar e diminuír barreiras, dando acceso ás mascotas con tres canceiras dispoñibles; ofrecendo a posibilidade de que as parellas fagan uso do centro de forma conxunta; e ofrecendo instalacións adaptadas para persoas con distintas diversidades funcionais". Tamén subliñou que a participación social e a perspectiva de xénero van ser os temas transversais da atención e os protocolos do centro.

O público destinatario da xornada serán colexios profesionais, estudantado, profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como calquera persoa interesada nesta cuestión. A asistencia á xornada é de balde previa inscrición a través deste formulario ata o 28 de novembro.

Contidos da xornada
O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudio e asistencia do senfogarismo a nivel estatal e autonómico. Despois da benvida do alcalde, Martiño Noriega, e da concelleira, Concha Fernández, a sesión inaugural correrá a cargo de Lucía del Río, psiquiatra e asesora técnica do Concello na planificación do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, que falará das novas liñas estratéxicas sobre a cuestión do senfogarismo a desenvolver na cidade de Santiago.

A continuación, Miguel Vieito, investigador en Dereito e asesor técnico do Concello, tratará o tema desde o enfoque do desenvolvemento dunha estratexia local de abordaxe do senfogarismo en Galicia e formulará os contidos do Plan de Atención Integral ás Persoas en Situación de Senfogarismo: unha resposta local a un contexto global. Dende Euskadi, o director de Servizos Sociais do Goberno vasco, Emilio Sola Ballojera, presentará as liñas da Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar 2018-2021.

Iria Gippini, coordinadora de Médicos do Mundo Galicia, abordará o senfogarismo dende unha perspectiva de xénero e falará do Diagnóstico participativo sobre o dereito á saúde e a vivenda, con enfoque de xénero e saúde mental.

Ana Pardo Fernández será a encargada de abrir a xornada pola tarde, como responsable da Asociación Provivienda, entidade de referencia no ámbito do aloxamento e a intervención social sostible, recoñecida pola súa calidade, independencia e compromiso no desenvolvemento de actuacións que teñen como obxectivo a mellora da calidade de vida das persoas, proporcionándolles vivendas dignas e axeitadas ás súas necesidades e posibilidades.

Despois intervirá Ángels Mira Cortadellas, xerente do Instituto Municipal da Vivenda e Rehabilitación de Barcelona (IMHAB) para presentar as liñas de traballo e os resultados que se están acadar nesa cidade. Para pechar as intervencións está prevista unha mesa sobre Vivenda nas políticas públicas en Galiza e Compostela, na que participarán Jorge Duarte, concelleiro de Dereito á Vivenda en Compostela e promotor do programa AVIVA (Programa Municipal de Mobilización de Vivenda Baleira); e Encarna Otero, ex directora xeral de Vivenda.

A mesa estará moderada por Iago Lestegás Tizón, doutor arquitecto e membro do Grupo de Análise Territorial da USC, onde desenvolve investigación nos eidos do urbanismo e a vivenda. Como remate da xornada, proxectarase o filme El Triste olor de la carne, que narra a tensa xornada dun executivo que sofre os efectos dunha crise que probablemente el mesmo axudou a forxar. O filme está dirixido e guionizado por Cristóbal Arteaga en 2013 e producido pola canguesa Deica Audiovisual. Un dos seus responsables, Paulo Bouzas, será o encargado de presentala.

Direccións relacionadas



Compartir: