MEDIO AMBIENTE

Os centros socioculturais do Ensanche e Fontiñas acollerán unhas xornadas de sensibilización co medio ambiente para os máis pequenos

19/12/2006 As actividades programadas, destinadas a rapaces de entre 6 e 12 anos, desenvolveranse entre o 23 de decembro e o 13 de xaneiro. Entre elas salienta unha visita ao monte Pedroso co fin de sensibilizar ás nenas e nenos composteláns sobre a problemática dos incendios forestais.

En total son 11 xornadas divididas en tres bloques ben diferenciados, tal e como explicaron en rolda de prensa as concelleiras de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, e de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón. O primeiro bloque centrarase na natureza, deste xeito na primeira xornada (sábado 23) abordaranse cuestións relacionadas coas plantas; na segunda (martes 26 de 18.30 a 20.30) o tema central serán os animais; na terceira (mércores 27), as actividades xirarán entorno ao mar; e a cuarta tratará de concienciar aos máis cativos sobre a importancia das enerxías renovables, todo mediante xogos amenos e participativos.

A quinta xornada (venres 29) dentro deste primeiro bloque abordará unha temática de gran relevancia: a nutrición. Nela tratarase de concienciar aos participante da importancia dunha alimentación axeitada mediante xogos nos que aprenderán os valores dos alimentos e como elaborar unha dieta equilibrada.

O segundo bloque versará sobre a reciclaxe mediante a explicación (sábado 30) de como se leva a cabo a produción e xestión de residuos urbanos a través de exemplos práctivos. O martes 2 e o mércores 3 de xaneiro abordaranse aspectos máis concretos da reciclaxe de papel e plástico, respectivamente. A novena xornada (xoves 4) servirá para que os nenos elaboren xogos, xoguetes e motivos navideños con material reciclado.

O venres día 5 comezará unha xornada de sensibilización contra o lume, así os rapaces escoitarán unha breve explicación sobre as causas principais dos incendios forestais e as súas consecuencia, farán un experimento sobre a combustión e unha ginkana que os axude a reflexionar sobre os problemas provocados polos incendios.

Para ver sobre o terreo o aprendido, está programada unha saída ao monte Pedroso o sábado 13 entre as 10.00 h e as 14.00 h, onde os nenos poderán comprobar os danos que o lume causou no monte comparando unha zona ardida con outra verde.

As actividades, que organiza o Concello xunto con Arumega e que financia integramente Urbaser, desenvolveranse nos centros socioculturais do Ensanche e de Fontiñas en horario de 10.30 h. a 13.30 h polas mañás e de 17.30 h. a 20.30 h. polas tardes.

Documentos relacionados



Compartir: