CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais exhiben seis das mostras do XXXV Outono Fotográfico

16/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou o XXXV Outono Fotográfico, que ofrece seis exposicións noutros tantos centros socioculturais de Compostela ao longo deste mes de novembro. Na rolda estivo acompañado do director da mostra, Xosé Lois Vázquez.

Na presentación do Outono Fotográfico, Concha Fernández destacou os 35 anos desta mostra fotográfica, "un dos mellores escaparates para a fotografía do país, así como para a fotografía internacional, pois ofrece un espazo para novos talentos". A concelleira tamén valorou que o certame "achega a arte á cidadanía dende os nosos centros sociais, e isto dende hai xa sete anos nos que participa Santiago nesta mostra".

Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e un dos creadores da mostra xunto ao falecido Benito Losada, agradeceu ao Concello a súa colaboración, "precisamente pola sensibilidade de usar os centros socioculturais como espazos que poden estar abertos á arte e á fotografía contemporánea". Sobre o título elixido para este ano, "Descrenza", aclarou que "é pór en cuestión calquera corrente que nos obrigue a pensar dunha maneira determinada para, polo menos, manter o espírito crítico".

Sobre a fotografía actual, Vázquez apuntou que "estamos vivindo un momento fabuloso tanto en Galicia como no resto do mundo", porque "a fotografía é unha linguaxe universal grazas aos millóns de aparatos, coma os smartphones, que recollen retrincos de realidade"

As mostras do Outono Fotográfico pódense ver en seis centros socioculturais: Antón Varela no CSC do Castiñeiriño, Igor Calvo no CSC de Conxo, José Alves no CSC da Trisca, Teresa Charlín no CSC das Fontiñas; Javier Herrero Valle no CSC do Ensanche e Ángeles Carballo no CSC de Vite. Todas estas exposicións pódense visitar ata o 30 de novembro.

Un certame de referencia
O Outono Fotográfico é unha mostra que naceu coa vocación de ser unha acción autoconvocada en Galicia e no Norte de Portugal. Tamén busca ser un instrumento de coñecemento activo e autonarración, cunha parte antropolóxica importante, ademais de artística. Esta mostra posúe tamén o referente de ser o festival máis antigo de fotografía despois do de Arlés, en Francia. O ano 2017 suma para Outono Fotográfico un total de 85 exposicións, reunindo un total de 280 participantes en 66 espazos expositivos repartidos entre 18 cidades galegas e 4 en Portugal.

Este certame fotográfico busca a participación en igualdade de homes e mulleres, así como a interxeracionalidade e a transversalidade, debido ao importante número de propostas expositivas. O Outono Fotográfico pretende impulsar aspectos como a calidade fotográfica e artística, a creatividade, o descubrimento de novos talentos, a promoción da fotografía galega, a paridade de xénero, o descubrimento de fotografía histórica, a formación e a participación pública e privada.

Compartir: