COMERCIO

O Concello pon en marcha un Mapa Comercial coa información dos establecementos da cidade

11/04/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o novo enderezo electrónico posto en marcha polo Departamento de Comercio para amosar a oferta comercial da nosa cidade.

Marta Lois destacou que "o Mapa Comercial é unha ferramenta en constante evolución, na que imos incorporando información practicamente a diario". De momento son 71 os comercios adheridos tras unha primeira toma de contacto por parte do Concello cos comercios de Santiago. En todo caso para participar, tal e como sinalou a concelleira, "é preciso que as persoas propietarias cubran e envíen o formulario dispoñible na web, no apartado Novo comercio".

Funcionamento
O enderezo electrónico onde se pode consultar a información detallada dos comercios de Santiago é mapacomercial.santiagodecompostela.gal. O seu uso é moi sinxelo e intuitivo. As persoas usuarias, así como os propios comercios, poden consultar información sobre calquera establecemento introducindo o seu nome na web. Ademais, esa busca tamén se pode facer por rúas ou barrios concretos, así como en relación a sectores comerciais.

Unha vez realizada a procura, o Mapa Comercial indica a posición exacta dos establecementos sobre un plano e ofrece información de interese relativa aos mesmos: galería fotográfica, datos de contacto, características e outra información complementaria que ofrece unha foto fixa do que sería a oferta comercial compostelá.

Das consultas realizadas polos usuarios será posible exportar datos como zonas comerciais máis visitadas, comercios máis buscados, etc. A aplicación conta cun manual de usuario descargable para axudar ás persoas interesadas a navegar pola aplicación.

Documentos relacionados



Compartir: