ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Máis de 10.000 escolares participarán na XVII Campaña Municipal de Animación á Lectura

27/03/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, inauguraron esta mañá na Galería Sargadelos a Campaña Municipal de Animación á Lectura que cumple xa dezasete edicións. Na inauguración tamén estiveron presentes o representante de Correos e o da Fundación Sargadelos.

Nesta ocasión leva por título Unha última carta, baseada no traballo dos gregos Antonis Papatheodoukou e Iris Samartzi, que resultaron gañadores do IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado ano a ano polo Departamento de Educación e Cidadanía.

Na apertura da campaña participaron tres colexios de Infantil e Primaria. O CEIP das Fontiñas na sesión de contacontos e visitas guiadas á exposición, cun total de 45 alumnos e alumnas de 6º. O CEIP Lamas de Abade, con 22 alumnos e alumnas de 3º de primaria, que participaron no obradoiro de ilustración a cargo de Pablo Otero e o CEIP de Vite, no obradoiro de Escrita Creativa a cargo de Xosé Pérez e no que participaron 25 nenos e nenas de Primaria.

O alcalde reivindicou esta campaña como un "motivo de orgullo" e como unha acción "a coidar despois de 17 anos". Martiño Noriega lembrou tamén que "o ano pasado pasaron preto de 8.000 nenos e nenas e este ano agradamos un incremento ata superar os 10.000". Entendemos que é unha campaña a reivindicar e a coidar e longamente consolidada despois de 17 anos

Récord de participación
Esta iniciativa desenvolverase dende o 27 de marzo ata o 13 de maio e comprende un conxunto de iniciativas en prol do fomento e animación á lectura non só para nenos e nenas de Santiago, senón tamén as súas familias e o profesorado.

En total están inscritos a día de hoxe 10.059 escolares das escolas infantís e dos centros de educación infantil e primaria de Santiago, así como arredor de 100 mestres de varios niveis educativos. Trátase dunha cifra récord que supera en máis de 3.000 a participación da edición do 2016.

Esta campaña, que será tamén presentada ao profesorado dos centros participantes mañá martes 28 de marzo ás 18.30h, inclúe diversas actividades. Os nenos e nenas poderán participar en sesións de contacontos, actividades na rede de escolas infantís, sesións formativas para educadores e educadoras, visitas guiadas, obradoiros de ilustración, obradoiros de escritura creativa, contos e música para as familias e sesións de contos para bebés.

Documentos relacionados



Compartir: