EMPREGO

Vintenove persoas atoparon traballo grazas ao Proxecto Persoa

20/04/2005 O Concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, fixo balance da primeira fase do proxecto Persoa, un programa que impulsa a integración laboral de desempregados a través da súa participación nun proceso integral de inserción en ocupacións encadradas como novos xacementos de emprego.

A primeira fase do Proxecto Persoa rematou en abril, coa integración laboral do 75 por cento das persoas que participaron no mesmo. Vintenove das corenta alumnas e alumnos atoparon traballo logo de completar o itinerario de formación e prácticas deseñado desde a Concellaría de Promoción Económica e Emprego.

O concelleiro de Emprego, Xosé Manuel Iglesias, sinalou que Santiago cumpriu os obxectivos de inserción do programa e destacou que nove persoas xa formaron as súas propias empresas. As vinte persoas restantes empregáronse en distintas empresas galegas.

O Proxecto Persoa II forma parte do Programa Operativo do Fomento do Emprego da Unión Europea e naceu co obxectivo global de favorecer a integración laboral de desempregados a través da súa participación nun proceso integral de inserción en ocupacións cualificadas como novos xacementos de emprego, que contempla a perspectiva de xénero e a equidade.

As bases das que parte o proxecto son tres: combater a alta taxa de desemprego feminino e de xente nova e axudar á integración laboral de inmigrantes e emigrantes retornados. O programa establece tres fases: aportar formación teórica e práctica profesional como instrumento de mellora da súa cualificación e ocupabilidade; promover a formación e o emprego en ocupacións que dean resposta a novas necesidades sociais e ofertar ás persoas beneficiarias un servizo innovador de orientación e acompañamento personalizado de prácticas en empresas.

Os ámbitos de actuación marcados pola concellaría de Promoción Económica e Emprego foron tres: formación de técnicos de xestión de ludotecas -posto que existe a necesidade de contar con ludotecarios debidamente formados e especializados capaces de xestionar ludotecas ou espazos de xogo-; técnicos de apoio a coidadores -o seu obxectivo é apoiar á xente que coida a maiores ou persoas con problemas, adquirindo os coñecementos precisos para axudalos no seu traballo e previr a síndrome do "queimado"- e de dietética -os participantes adquiren os coñecementos, habilidades e actitudes precisas para a elaboración de dietas adaptadas a persoas e/ou colectivos con necesidades nutricionais especificas-.

A segunda fase das prácticas dos alumnos comezou o 18 de abril e rematará o vindeiro 15 de xullo deste ano.

Compartir: