ALCALDÍA E ESPAZOS CIDADÁNS

Santiago recibirá dez millóns de euros de fondos europeos para a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado

03/10/2016 Santiago vai recibir dez millóns de euros de fondos europeos FEDER para poñer en marcha as accións recollidas na súa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, EDUSI. O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que sinala que Compostela será unha das cidades beneficiadas polo Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, que repartirá en Galicia algo máis de 83 millóns de euros.

O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foron os encargados de dar conta da resolución, "unha moi boa nova para a cidade, que se beneficiará duns investimentos que van incluso máis alá do que foi no seu momento o programa Urbana Santiago Norte". Ese proxecto, concedido en 2011, supuxo investimentos por algo máis de 11 millóns de euros, dos que 8 millóns procederon de fondos FEDER. Ademais, o alcalde sinalou que, a diferenza do Urbana, a EDUSI non ten unha limitación xeográfica senón que se estenderá a todo o ámbito municipal.

Tras a publicación de hoxe no BOE, o Concello ten agora un prazo de dez días para comunicarlle ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas que acepta a subvención, e a partir de aí priorizaranse as accións a executar. Jorge Duarte explicou que o Concello de Santiago solicitara inicialmente 15 millóns de euros, dos que lles foron concedidos dez. A esta cifra sumaranse dous millóns de euros máis procedentes das arcas municipais (o 20% do investimento previsto). O concelleiro de Espazos Cidadáns sinalou que tamén será preciso "reanualizar as actuacións contempladas na EDUSI, posto que estaba previsto que o Ministerio de Facenda fixera pública a resolución a finais de maio e a decisión demorouse ata outubro".

Liñas estratéxicas
Jorge Duarte sinalou que o obxectivo prioritario da EDUSI é poñer en valor o patrimonio de Santiago, "pero entendido nun sentido moito máis amplo que o patrimonio construído da cidade histórica, tendo en conta o patrimonio natural, a historia e sobre todo as persoas". Para iso, no documento fixáronse dez liñas estratéxicas:

1.- Rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos: inclúe actuacións coma un Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, actividades de formación na cultura maker "Faino ti", programa Compostela Amigable coas persoas maiores, plan municipal de alugueiros...

2.- Revitalización do espazo público das comunidades desfavorecidas: inclúe actuacións para a rexeneración física, económica e social do entorno rural e urbano, con proxectos concretos en puntos coma o barrio de Belvís, a avenida de Lugo ou a rúa Batalla de Clavijo.

3.- Actuacións en vivendas en barrios desfavorecidos: inclúe un programa para a instalación de ascensores e axudas para a mellora da accesibilidade.

4.- As TIC para a mellora da calidade de vida: proponse botar man das tecnoloxías da información e a comunicación para mellorar a xestión de servizos públicos como a limpeza viaria ou os residuos sólidos urbanos, e poñelos a disposición dos cidadáns.

5.- Recuperación do espazo público urbano e mellora do contorno: son actuacións dirixidas a rehabilitar e mellorar o contorno urbano, con proxectos como a mellora de Patio Madres e Castrón d´Ouro, a recuperación da Costa de Santa Susana, ou a recuperación do Campus Sur.

6.- Fomento da mobilidade urbana sostible: entre as accións que se levarán a cabo figuran a revisión do Plan de Mobilidade Urbana, a redacción dun Plan de Accesibilidade Universal, o estudo da funcionalidade e tratamento de puntos conflitivos para o tráfico como a praza de Galicia ou a avenida de Xoán XXIII, o estudo de mellora e conexión de camiños peonís ou a integración da Cidade da Cultura co tecido urbano de Compostela.

7.- Recuperación e promoción do patrimonio natural: son actuacións dirixidas á protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio natural, con especial atención aos que teñen interese turístico. Contempla actuacións concretas como a mellora dos accesos ao Parque de Belvís, a restauración do paseo fluvial do Sarela, ou o acondicionamento de sendas peonís ao carón do río Sar.

8.- Rehabilitación e promoción do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural: inclúe a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos na conca do río Sarela, a posta en valor do Castelo da Rocha (tanto do propio xacemento como dos accesos e conexións co contorno) e da estación arqueolóxica de Roxos, e actuacións no Camiño de Bergantiños.

9.- Desenvolvemento e promoción de activos culturais e naturais orientados ao desenvolvemento turístico: contempla a elaboración de rutas alternativas de turismo que enlacen patrimonio cultural-natural-inmaterial, e campañas sociais para a posta en valor do "outro" Santiago.

10.- Mellora da eficiencia enerxética e aumento das enerxías renovables: son actuacións dirixidas a reducir o consumo enerxético, mediante actuacións nos inmobles de titularidade municipal e a elaboración dun manual de boas prácticas de consumo e eficiencia.

Proxecto aprobado en pleno
A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado foi aprobada polo Pleno da Corporación o 12 de xaneiro, cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención dos outros grupos municipais. A EDUSI inclúe unha exhaustiva análise da situación actual de Compostela, partindo dunha identificación inicial dos principais problemas e retos da cidade e das súas potencialidades. Neste proceso, o Concello apostou pola participación, elaborando enquisas cidadás vía online que cubriron preto de 700 persoas (entre cidadanía en xeral e expertos). Tamén houbo mesas de debate entre expertos, e unha gran mesa de traballo na que participaron os catro grupos da Corporación municipal, expertos como o ex alcalde Xerardo Estévez e representantes dos principais colectivos de Santiago.

Ademais, celebráronse mesas participativas en torno ás políticas de emprego, cuxas conclusións se recolleron tamén na estratexia. A maiores, elaborouse unha análise sobre aspectos como a mobilidade, as condicións ambientais e climáticas, o consumo enerxético, a situación económica ou o contexto social na capital galega.

Tendo en conta ese mapa, a Estratexia DUSI inclúe un Plan de Implementación con 10 liñas estratéxicas e máis dun cento de accións concretas. Todas elas queren responder aos retos que ten a cidade dende o punto de vista económico (incremento do PIB, aumento do turismo…), ambiental e climático (redución da produción de residuos sólidos urbanos, aumento do uso do transporte público, rebaixa do consumo de auga e produción de CO2…), demográfico (incremento da poboación de Compostela), e social (fomento da igualdade entre homes e mulleres, rexeneración de barrios e vivendas desfavorecidas, garante do acceso aos servizos sociais…).

Documentos relacionados



Compartir: