ACCIÓN CULTURAL

O Outono Fotográfico regresa aos Centros Socioculturais

21/10/2015 A XXXIII edición do festival ten programadas 87 exposicións en toda Galicia e en Portugal, das que sete serán en Compostela. O certame traerá a Santiago catro accións formativas relacionadas coa fotografía.

A concellería de Acción Cultural, a través da rede de Centros Sociocultuais, volve colaborar co Outono Fotográfico, o festival de fotografía decano da Península Ibérica. Grazas a este respaldo, Compostela acollerá sete das exposicións programadas no certame, nos centros socioculturais de Conxo, O Ensanche, Vite, Fontiñas, A Trisca, O Castiñeiriño, e a Casa das Asociacións de Cornes.
Ademáis da cesión destes espazos para as mostras, a concellería colabora co certame cunha achega económica de 2.000 euros.

O Outono Fotográfico cumpre 33 anos
O festival impulsado pola Fundación Benito Losada, e baixo a dirección de Xosé Lois Vázquez, celebra a súa XXXIII edición, baixo o lema "Periferias". Desta volta, tén programadas 87 exposicións en 19 localidades galegas e tres portuguesas. Serán mostras que se poderán ver en diferentes espazos, como galerías de arte, centros de ensino, casas de Concellos, lugares públicos e mesmo cafeterías.
No Outono Fotográfico participan 308 autores, divididos en tres seccións. Á Sección Oficial están convidados autores e curadores, no Outono Aberto foron seleccionados traballos de amadores, tanto individuais como colectivos, e en Historias da fotografía galega, recuperáronse as obras de fotógrafos galegos xa falecidos.
Nos centros socioculturais de Compostela poderánse ver ase seguintes exposicións:

• "O son da cor", de Tigrán Tadevosyan, no centro sociocultural de Vite, do 5 ao 29 de novembro.
• "Galicia en foco", de Xoán A. Soler, no centro sociocultural de Conxo, do 3 ao 27 de novembro.
• "Periferias/perecerías", de Fernando DC Ribeiro, no centro sociocultural do Castiñeiriño, do 3 ao 30 de novembro.
• 20 imaxes de Javier López Prol, no centro sociocultural da Trisca, do 5 ao 27 de novembro.
• "Back to home", de MCouselo, no centro sociocultural das Fontiñas, do 3 ao 29 de novembro.
• "Estruturas", de Bruno Area, no centro sociocultural do Ensanche, do 3 ao 27 de novembro.
• "931" de Julio Eiroa, na casa das asociacións de Cornes, do 3 ao 30 de novembro.

Accións formativas
Ademáis das exposicións, o Outono Fotográfico trae a Santiago catro accións formativas, que se van desenvolver nos centros socioculturais da Pontepedriña e Conxo, durante os meses de novembro e decembro. Serán un obradoiro de fotografía creativa, un curso de retoque fotogáfico con Lightroom, e dous obradoiros de iniciación á fotografía dixital, un en horario de mañá e outro en horario de tarde. Todas as accións formativas serán impartidas por Víctor Barro, e os seus prezos oscilan entre os 30 e os 40 euros. As persoas interesadas poden inscribirse nos propios centros socioculturais.

Máis información sobre o festival na web www.outonofotografico.com
Máis información sobre as exposicións de Compostela e os obradoiros de formación en www.santiagosociocultural.com

Compartir: